A Xunta admite que aínda "non saíu ningunha cantidade" de compost da planta de Sogama

O BNG alerta de "colapso" en Sogama, nunha "armazón de empresas con moitísimas irregularidades".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/06/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático, María Sagrario Pérez Castellanos, admitiu que "non saíu ningunha cantidade" de compost da planta de biorresiduos de Sogama en Cerceda desde a súa posta en marcha.

Complexo Ambiental de Cerceda
Complexo Ambiental de Cerceda | Fonte: Sogama.

En resposta a unha pregunta do BNG no Parlamento galego, a directora xeral explicou que só tres concellos --Cerceda, A Laracha e Carballo-- envían os seus biorresiduos a esta planta, polo que "é pouco o que está a entrar", e "dado o proceso que ten a compostaxe" aínda "non saíu ningunha cantidade da planta de Cerceda".

Con todo, espera que en próximos meses haxa "un compost de calidade" que se poida usar para fertilización de chans en xardíns e terreos agrarios, aínda que recoñece que hai "moita marxe de mellora" no funcionamento da planta de compostaxe.

Ademais, remarca que a Xunta promociona "con todas as axudas posibles" que haxa máis concellos que se somen, pois a UE marcou xaneiro de 2024 como data tope para que se implante a recollida selectiva de residuos orgánicos, ademais de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica quere adiantar esa data para concellos de 50.000 habitantes.

Mentres, a Xunta proxecta outras tres plantas de compostaxe, unha en cada provincia, nos concellos de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense).

CRÍTICAS DO BNG 

Pola súa banda, o deputado Luís Bará (BNG) alertou do "colapso" que sofre o complexo de Sogama por antigüidade das súas instalacións e mal funcionamento, xa que "quere comer máis do que pode tragar", polo que só se dedica a "incineración e vertedura".

Tras queixarse de que os populares vetan a comparecencia do presidente de Sogama no Parlamento, Bará denunciou que esta sociedade pública conta unha "armazón de empresas con moitísimas irregularidades".

Así, advirte que "catro grandes contratos" --da planta de incineración, ampliación de Sogama, vertido de Areosa e planta de compostaxe-- "están todos nas mans do grupo Valtalia", "que ten unha especie de monopolio de toda a xestión de Cerceda" que suman uns "500 millóns". A isto súmase que Copasa se encarga de diferentes cometidos como o transporte, de modo que se pregunta se a xestión do complexo funciona como un "cartel organizado".

Ademais, advirte de que hai unha "avaría" na incineración que está a afectar ao funcionamento do complexo. Tamén denuncia que "se están falsificando as pesadas" dos camións, que "van con sobrepeso" e provoca un "gravísimo risco" polo que xa "houbo varios accidentes".

Respecto ao "bluff" da planta de compostaxe, censura que os datos son "raquíticos e ridículos". "Hai máis de dous anos que foi a conselleira a inaugurar e aínda non deron nin sacado un quilo de compost", espetou.

Igualmente, Luís Bará reprocha que Galicia está "á cola" do Estado ao reciclar só o 15% do lixo, mentres reprocha á Xunta incumprir o compromiso de vertido cero en 2020. Un "desastre de funcionamento", define sobre o modelo Sogama.

En fronte, a directora xeral de Calidade Ambiental defendeu que Sogama ten capacidade para "tratar o 100% de residuos", á vez que sinalou que se reduciu "nun 90%" a vertedura.

Ademais, recomendou a Bará que pode empregar os "mecanismos" de denuncia pertinentes para as súas afirmacións.

A directora xeral dixo "non poder sacar peito" polos datos de reciclaxe que hai en Galicia, por baixo da media española.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta