Álvaro Pérez Becerra, novo presidente da Academia Galega do Audiovisual

O produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez estarán na vicepresidencia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2021 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Álvaro Pérez Becerra (A Coruña, 1989) foi elixido por unanimidade novo presidente da Academia Galega do Audiovisual. Está acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez.

Nesta nova etapa repite a anterior xunta directiva: Carmen Méndez na tesouraría; Saamira Ganay na secretaría; Óscar Cruz, Susana Veira e Xavi Font nas vocalías, cargo que tamén asume a presidenta saínte Ana Míguez, e Fernando Alfonsín, que entra no equipo en substitución da actriz Isabel Naveira.

Tras a asemblea xeral ordinaria e electoral celebrada o pasado 4 de xuño, converteuse no presidente máis novo do oito academias de cinema e audiovisuais que existe na península. Un dos seus desexos para o mandato é que "moitas mozas e mozos que agora terminan de estudar e pensan na posibilidade de dedicarse a isto non vexan tan afastado ese obxectivo". "Como sector temos o reto de buscar as fórmulas para incorporar talento novo constantemente", afirma.

O novo presidente asume o cargo con vontade continuista "o grupo de persoas que participamos da directiva nestes últimos anos pensamos que podiamos ser útiles dous anos máis". "Son eu presidente como podía selo calquera dos meus compañeiros e compañeiras", sinala, antes de indicar que as metas teñen un obxectivo transversal "reivindicar a importancia do noso sector a través do entendemento entre todas e todos os que formamos parte del".

UN DOS RETOS, Os MESTRE MATEO DE 2022

Un dos primeiros retos da nova presidencia vai ser a celebración do vixésimo aniversario dos Mestre Mateo en 2022. "Gustaríame que a celebración tivese algo de agradecemento, outro tanto de reivindicación, para ser conscientes da importancia de chegar ata aquí, e moito de futuro, porque soará a tópico, pero estou convencido de que o mellor aínda non chegou", indicou.

Álvaro Pérez Becerra traballa, desde o 2010, en proxectos de audiovisual e artes escénicas a través das produtoras Ainé Producións e Undodez, da man do actor e cómico Xosé A. Touriñán.

Álvaro Pérez Becerra, novo presidente da Academia Galega do Audiovisual. SABELA EIRIZ/AGA / Europa Press
Álvaro Pérez Becerra, novo presidente da Academia Galega do Audiovisual. SABELA EIRIZ/AGA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta