O BNG sospeita do intento de descatalogar un BIC para impulsar un parque eólico

A descuberta dun castelo en terreos dun proxecto eólico podería botar abaixo o plan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Continúa a mobilización contra os eólicos no Monte do Gato. Este cumio da comarca de Betanzos protagoniza dende hai meses un dos enfrontamentos máis particulares de cantos están a xurdir ao abeiro da problemática eólica: os veciños opóñense á construción de seis parques --que, segundo denuncian, é en realidade un só-- e sosteñen que erguelos podería danar de forma irreversible un Ben de Interese Cultural.

Parque eólico. NATURGY - Arquivo
Parque eólico. NATURGY - Arquivo

A xoia a protexer en particular non é outra que a Torre de Teodomiro, un castelo da alta Idade Media e que, malia ter sido declarado BIC nos anos 90, segue sen se xeolocalizar ata o momento. Nas últimas semanas, o arqueológo Antón Malde desenvolveu un estenso estudo para demandar á Xunta de Galicia unha prospección sobre o terreo --xa aceptada-- e poder confirmar a presenza do xacemento, que podería botar abaixo os plans de Galenergy e Greenalia; compañía esta última pola que fichou a ex-conselleira de Medio Ambiente Bea Mato.

A estas denuncias vén de sumar o BNG, que alertou na xornada do mércores 9 do "impacto" que este parque eólico podería ter sobre a Torre de Teodomiro. Por riba, a deputada Mercedes Queixas denunciou unha posible tentativa de descatalogación para beneficiar o proxecto: é dicir, que a Torre perda a súa protección patrimonial e as torres sexan dispostas igualmente sobre o terreo. 

As denuncias de Queixas chegaron nunha sesión parlamentaria en que a deputada nacionalista non agochou que, para ela, os parques do Monnte do gato representan "un  exemplo de macroparque eólico fraccionado para evitar unha avaliación global do proxecto total", problemática que vén sendo sinalada dende hai meses polas principais asociacións ecoloxistas do país.

DESCATALOGACIÓN DO BIC

De xeito semellante, Queixas denunciou que os estudos desenvoltos ata o momento se presentan "incompletos e inexactos, carentes de credibilidade, ademais de  descontextualizados” pola falta dun estudo integral. En este sentido, lembrou que o BNG demandou no Parlamento galego un estudo integral do proxecto, solicitude que foi “rexeitada polo grupo do Partido Popular”.

Tras a autorización da Xunta a estudar o terreo, a vista queda posta nas posibilidades de confirmar ou non que os indicios avistados por Malde mediante un sistema satelital sexan, en efecto, os restos da Torre de Teodomiro. De ser así, o proxecto de Greenalia e Galenergy tería as cousas moi costa arriba; xa que, como recolleu Galicia Confidencial semanas atrás, o emprazamento da Torre coincide cun punto central dos "parques": a estación transformadora.

Neste punto, a problemática podería vir porque, de acordo con Queixas, hai sospeitas de manobras para tentar descatalogar o BIC; unha problemática que levou a Queixas a inquirir máis información á Consellería de Cultura. Se ben as demandas da deputada nacionalista tiveron lugar antes do visto bo da Xunta para prospectar o ben, as suspicacias de que hai intentos de descatalogar o BIC levan semanas planeando sobre os veciños da zona. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta