Bugallo recoñece que o proxecto de Pleteiro é unha das súas maiores "preocupacións" e pide "corresponsabilidade"

O alcalde de Santiago incidiu tamén en que non se pode renunciar a incorporar elementos de reactivación a San Pedro de Mezonzo e outras rúas do Ensanche e afirmou que o futuro do modelo comercial "non se sabe como evolucionará".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2021 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, volveuse a referir este venres á situación da parcela onde se situaba o colexio Peleteiro para indicar que "necesitan" seguridade xurídica e o acordo coa propiedade e con outras formacións políticas que viabilicen o proxecto proposto coa apertura cara a San Pedro de Mezonzo. Ademais, recalcou, é preciso "certo nivel de corresponsabilidade".

Así o expresou nunha rolda de prensa este venres no concello de Santiago na que tamén confesou que é un dos temas "máis preocupantes" para el. O seu obxectivo é converter o espazo nunha "praza útil" na que se poidan realizar actividades como mercados ou festas.

Neste sentido, destacou que están a buscar a "mellor" solución escoitando a veciños e comerciantes. Ademais, lembrou o Plan Xeral que está en vigor agora mesmo, cunha previsión de dotar ao lugar dun espazo comercial con 10 a 12 metros cadrados construídos e un hotel de 7.000 metros cadrados. Así, "se mañá a propiedade decide pedir licenza para facer isto" habería que "darlla", advertiu.

Así, afirmou que a praza ha de ser "un punto de encontro e elemento de dinamización esencial para o Ensanche". Para entender o conflito, puxo o exemplo de dúas prazas: Praza Vermella e Carreira do Conde. Comparando ambos, concluíu que quizais, "a diferenza é que a unha lle dá o sol e a outra non".

Desta maneira, cualificou a Carreira do Conde como unha rúa "bonita" e "zona verde estupenda", pero con grandes dificultades para que as actividades comerciais funcionen alí. Por outra banda, a Praza Vermella ten "moitas" limitacións e carencias pero está cuberta polo sol.

Bugallo incidiu tamén en que non se pode renunciar a incorporar elementos de reactivación a San Pedro de Mezonzo e outras rúas do Ensanche e afirmou que o futuro do modelo comercial "non se sabe como evolucionará". Iso si, o que se sabe de certo é que "o sol vai saír e vaise a pór polo mesmo cerco todos os días", concluíu.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago de Compostela

COLEXIATA DE SAR

O alcalde de Santiago de Compostela apelou ao uso de "posibles estacionamentos alternativos" para paliar o problema de aglomeración de coches estacionados patente na actualidade na Colexiata Santa María a Real de Sar. Como posible lugar de estacionamento, citou o campo de fútbol de Sar. Con todo, asegurou que "ten que decidir a propiedade privada", que corresponde á Igrexa.

Así o declarou en rolda de prensa este venres, na que revelou que ten prevista "unha reunión coa parroquia", da que descoñece a data e na que falarán, entre outros temas, sobre o futuro da Colexiata de Sar. "Entenderémolos e apoiaremos en todo o que poIdamos", en referencia ás decisións que se tomen desde o órgano eclesiástico, xa que "a intervención municipal non é posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta