2002, cando a premio Princesa das Artes revolucionou unha vila galega coa súa performance

Ese ano, Marina Abramović recluíuse nunha casa de Antas de Ulla con 28 alumnos, sendo a primeira vez que a artista impartía un taller en España. Galicia Confidencial lembra con ex alumnado seu como foi esas experiencia.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

No verán do 2002 Marina Abramović conviviu xunto con 28 artistas internacionais nunha casa illada de Antas de Ulla. A aldea lucense foi testemuña dun dos talleres da artista serbia, que vén de ser galardoada co Premio Princesa de Asturias das Artes.

Cleaning the House, taller con Marina Abramović en Antas de Ulla, 2002
Cleaning the House, taller con Marina Abramović en Antas de Ulla, 2002 | Fonte: CGAC

O recoñecemento internacional de Marina Abramović, a quen se considera a madriña da arte da performance, é incuestionable e os numerosos premios recibidos confírmano. A súa carreira artística comezou nos anos 70 e dende entón desenvolveu esta disciplina artística explorando os límites do corpo e da mente. Galicia, concretamente Antas de Ulla, foi testemuña dun dos seus talleres. Foi a primeira vez que a artista impartiu un workshop non só en Galicia, senón en España. A elección do lugar veu motivada polo contacto coa natureza e a condición de illamento que posibilitaba. 

Durante 5 días, a artista impartiu un taller titulado Cleaning the House, entendendo esa casa como o interior de cada persoa. Chama a atención as condicións nas que se desenvoleu este workshop, no que os participantes, artistas de diferentes nacionalidades (entre eles alumnos da escolade Abramović) non podían falar nin comer durante esa estadía.

28 artistas de diferentes nacionalidades (algúns deles xa eran alumnos da artistas) coñeceron de primeira man á nai da performance, coa que traballaron a concentración e a reflexión arredor do corpo para liberalo e chegar a un punto idóneo para a creación artística. Cleaning the house foi unha convivencia intensa nunha casa seoanesa, na que máis que “limpar a casa”, cada participante puido “limpar” o seu interior.

O froito desta experiencia foi unha exposición no CGAC, Student Body II, que recolleu videoperformances que xurdiron a partir do taller do verán do 2002. Co mesmo nome publicouse un libro sobre este workshop e os resultados dos alumnos, entre os que se atopaban galegos como Rubén Ramos, Antón Lopo ou Félix Fernández. A exposición tivo unha acollida que sorprendeu a algún dos alumnos, que non esperaban atopar tanta xente no museo.

"XAXÚN E SILENCIO"

Durante eses cinco días, os 28 participantes, sen dirixirse palabras entre eles, erguíanse cada mañá para bañarse no frío río e gardando xaxún, unhas condicións extremas que fixeron que o artista Féliz Fernández crese que ía saír destrozado, sorprendéndose ao decatarse de todo o contrario. O artista galego foi un dos participantes, que participou no taller cando aínda estaba nos seus inicios no mundo do espectáculo. Agora recorda como a experiencia lle aportou ferramentas para relacionarse coa performance e adquirir unha “forza e presenza” necesaria na súa actividade artística.

O artista, actualmente de xira coa performance “Technocracia” asegura como o taller de Marina Abramović lle aportou ferramentas para a súa carreira artística, considerando o propio artista que a maior influencia do taller se pode ver na súa obra “Composición en forma de escape para 4 dispositivos móviles y un monte”,  na que estaba co corpo, agás as pernas, soterrado durante 25 minutos. O aprendido coa artista serbia permitiulle enfrontarse a situacións de certa complexidade.

“Para min esa experiencia foi empoderada porque me fixo perder medo ao descoñecido e entender os límites”, explica Rubén Ramos, outro dos participantes, que dende Singapur recorda como Cleaning the house e Marina Abramović condicionaron a súa perspectiva a cerca da performance e do coñecemento sobre o espazo e o tempo relacionado co mundo da arte. Sobre o taller, Rubén Ramos destaca como experiencias tan profundas non só esgotan, senón que tamén transforman ás persoas, experiencia da que non só se levou aprendizaxes, senón tamén compañeiros, que a pesar de non comunicarse verbalmente asegura que se crearon vínculos moi especiais.

A COTIDINEIDADE DA PERFORMANCE

A arte da performance busca a rotura co cotiá e co esperado a través do espectáculo, pero o recente premio que recibiu Marina Abramović podería servir como porta para comezar a naturalizar esta disciplina artística. Así o considera Rubén Ramos, que comprende a performance como unha esencia do cotiá. Cada xesto do día a día pode ser un acto performático: “A performance está en todo, é fundamental. A performance está insertada na nosa vida cotiá, e é ao desautomatizar hábitos cando se é consciente dos automatismos adquiridos”, apunta.

Que o Premio Princesa de Asturias das Artes vaia dirixido ao campo da performance é unha paso para encher de importancia esta disciplina. Porén, Rubén Ramos lembra como a presencia da artista en Galicia non tivo maior repercusión máis alá dos círculos artísticos e laméntase como na nosa socieadade os diferentes campos do coñecemento non son máis permeables entre si. Aínda que se relacione a performance cunha arte de vangarda, o artista e teórico defende a performance como algo presente dende os inicios do ser humano, que se pode atopar no día a día e a través da historia. “Ao fin e ao cabo as Marías de Santiago non deixaron de ser unha performance" , conclúe, un exemplo de como no cotiá se pode atopar esta disciplina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta