"Preocupación" ante a posibilidade de que 98% dos concellos "queden fóra" dos Next Generation para a mobilidade

A Xunta pide á Fegamp "apoio" para evitalo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2021 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O Goberno galego, presidido polo popular Alberto Núñez Feijóo, pide á Federación Galega de Municipios e Provincias "apoio" para evitar que o 97,8% dos concellos de Galicia, segundo os seus datos, "queden fóra" da asignación dos recursos do programa 'Next Generation' para as iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sustentable.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu un escrito ao seu presidente, Alberto Varela, do PSOE, para mostrar "a preocupación da Xunta polos criterios fixados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a repartición destes fondos".

A través dun comunicado de prensa, a consellería lembra que na última conferencia sectorial de transportes, o ministerio trasladou ás autonomías que os fondos de reconstrución para a mellora da mobilidade e a dixitalización deben ser investidos en núcleos de máis de 50.000 habitantes, "e así se confirmou", apunta, na reunión bilateral posterior celebrada entre Transportes e a Xunta.

O Goberno galego mostra a súa "inquietude" ante este feito, xa que estes criterios de distribución "deixan á marxe do financiamento europeo extraordinaria ao 97,8% dos concellos galegos".

"Nin sequera un municipio da importancia de Vilagarcía de Arousa podería beneficiase dos investimentos para mobilidade sustentable impulsadas ao amparo dos fondos Next Generation", advirte.

ALEGACIÓNS

Infraestruturas, segundo sinala o departamento autonómico, presentou alegacións xunto a outras comunidades aos criterios de repartición, "sen que se producise, ata o momento, un cambio de postura".

Esta situación motivou que a Xunta se dirixise novamente ao ministerio o pasado 28 de maio para solicitar "unha reorientación e flexibilización" na distribución, na procura de "unha maior equidade e equilibrio territorial". Ata o momento tampouco obtivo resposta.

CARTA Á FEGAMP

No escrito remitido ao presidente da Fegamp, Ethel Vázquez subliña as "peculiaridades xeográficas e demográficas" da comunidade galega, que conta con máis da metade dos núcleos de poboación de España.

Iso "implica unha maior necesidade de investimentos 'per cápita' para deseñar e financiar os servizos públicos, incluídos os de mobilidade, tendo en conta, tamén, que pequenos investimentos no rural supoñen importantes beneficios para o conxunto do territorio", incide.

A titular de Infraestruturas traslada a Varela "a necesidade de ampliar ao máximo a cobertura territorial dos investimentos destinados á recuperación e á reconstrución fronte á pandemia, para contribuír ao desenvolvemento de Galicia en igualdade de oportunidades".

Neste sentido, espera que Xunta e Fegamp "poidan concordar posturas e traballar conxuntamente de face a conseguir que os fondos Next Generation poidan beneficiar á maior parte de Galicia e contribúan a dotar de novos servizos e infraestruturas o rural galego co fin de loitar de forma eficaz contra o despoboamento".

ALCALDESA DE LUGO

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, insta a que Xunta e Goberno central conten cos concellos nas decisións sobre estes fondos para "dar respostas reais aos cidadáns".

Tamén vicepresidenta do Eixo Atlántico, Méndez lembra que "son as administracións locais as que planifican o crecemento dos seus territorios e as que teñen un maior coñecemento por proximidade e axilidade de xestión".

En concreto, a rexedora participou no primeiro debate conxunto de municipios galegos e lusos sobre os recursos de recuperación pospandemia, este luns en Viana do Castelo.

A conselleira Ethel Vázquez, en rolda de prensa. CONCHI PAZ
A conselleira Ethel Vázquez, en rolda de prensa. CONCHI PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta