Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2021 | Actualizada ás 21:00
Críticas ao Concello de Ribadumia por organizar unha excursión a Portugal en plena “repunta” de contaxios. A plataforma Somos Ribadumia vén de cargar contra o alcalde do concello pontevedrés por organizar esta saída ao país veciño --que a semana pasada, apuntan, instaurou novas restricións-- e que, por riba, estaría indicada para persoas maiores de 55 anos.
Dende a plataforma amósanse comprensivos coa “necesidade” dos maiores de se manter activos, pero non pensan que este sexa o momento máis adecuado. “Dáse a circunstancia de que estamos asistindo a unha repunta da pandemia, e que o país veciño a pasada fin de semana volveu aumentar as medidas de restrición en varias cidades debido a alta incidencia da enfermidade, unha delas precisamente Braga, destino a excursión anunciada”, destacan.
De aí que acusen ao goberno local de “xogar coa saúde e a vida da xente por quedar ben”. “Non nos parece que sexa o momento de poñernos a facer viaxes deste tipo , metendo aos nosos maiores durante horas nun bus, que é un espazo bastante pechado, e menos aínda a lugares con alta incidencia da enfermidade”, apuntan, a pesar de que o Sergas xa vacinou coas dúas doses a grande parte deste colectivo.
FESTA "ILEGAL"
A asociación chega a cualificar de “burla” a oferta do consistorio para levar os maiores a Portugal, se ben apuntan que “xa nada nos sorprende” de parte desta administración. Un mes atrás, este mesmo grupo pediu a dimisión do alcalde David Castro por ter organizado unha festa que --din dende a plataforma-- rematou desmantelada pola Garda Civil ao incumprir as restricións entón imperantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.