Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2021 | Actualizada ás 16:19
O peche da central das Pontes destruirá 1.178 empregos no municipio e outros 299 nos concellos que están na área de influencia da planta.
Esta é unha das principais conclusións dun estudo sobre o impacto socioeconómico do desmantelamento da térmica publicado no último número da revista Sustainability, unha das publicacións periódicas máis prestixiosas do mundo no ámbito da sustentabilidade.
O traballo está asinado polos economistas Fernando González Laxe, Antonio Javier Prado Domínguez, Manuel Escourido Calvo e Federico Martín Bermúdez e nel debúxase un panorama máis desolador en termos laborais que o doutros informes que se elaboraron nos últimos meses.
O estudo utiliza a metodoloxía da matriz de contabilidade social, unha ferramenta apropiada, precisan os autores, para "analizar os impactos socioeconómicos das diferentes políticas económicas en lugares concretos", como é o caso das Pontes.
Así, valóranse os "efectos circulares" que unha medida exógena pode provocar na estrutura económica dunha entidade, tamén nas locais.
SITUACIÓN "INSUSTENTABLE"
En concreto, deses 1.178 empregos que o informe prevé que perderá As Pontes, e deixando á marxe o asociado aos subsectores industrial e enerxético, máis do 40% (504) están relacionados cos sectores do comercio, transporte e vivenda. Os especialistas falan dunha situación "insustentable" se se non implementan "políticas para xerar opcións de emprego alternativo".
Ademais, a poboación activa residente diminuiría un 25%, mentres o número de empregados censados no concello pasaría dos 2.704 a 1.526. Igualmente, o paro case se cuadriplicaría, desde os 414 parados que reflicte o Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2019, momento do anuncio do peche da central, ata os 1.592. Por outra banda, apenas un terzo da forza de traballo pontesa conservaría o seu emprego na localidade.
CAÍDA DE INGRESOS MUNICIPAIS
O peche afectará gravemente os ingresos municipais, unha variable que tamén foi analizada polo propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
No seu diagnóstico indícase que a contribución da térmica ás arcas locais é de 2,7 millóns no IBI de características especiais, 670.000 euros do Imposto de Actividades Económicas e máis de 2,5 millóns no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), aínda que neste caso trátase dun ingreso puntual. En total, preto de seis millóns de euros que representan ao redor do 40% do orzamento municipal anual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.