E Galicia que?

Permítanme os lectores comezar ao xeito galego este artigo, cunha pregunta, emulando así ao amigo Xaime Subiela, gañador do premio Ramón Piñeiro de Ensaio co libro “Para que nos serve Galiza?”. Un libriño imprescindible e renovador que sen dúbida precisabamos e no que o autor aborda a necesidade de impulsar un novo galeguismo que ao tempo de conectar coa maioría social conteña as características propias dun proxecto nacional. Vennos á perfección para encetar este artigo.

Por Manuel González L. | Compostela | 19/12/2013

Comparte esta noticia
Os tempos que se achegan van ser movidos en España. Sexa cal sexa a resultante da cuestión Catalá, a estruturación territorial do Estado Español está chamada a experimentar cambios profundos nos próximos anos que van requirir, si ou si, mudanzas na Constitución Española. Dino xa abertamente varios dos pais da Carta Magna. Cun Partido Popular no goberno central decidido a recuperar competencias por unha banda, e coa clara aposta do pobo catalán polo dereito a decidir pola outra, o Estado Autonómico tal e como o coñecemos ten os días contados. O encaixe de Catalunya e logo Euskadi, de existir aínda encaixe en España, vai implicar un maior grao de autogoberno para as dúas nacións e moi posiblemente tamén a fin do “café para todos”. 
É certo que a maioría dos galegos síntese cómodo co actual modelo do Estado das Autonomías.  Así o reflicte a enquisa do CIS realizada a finais do ano pasado, onde algo máis do 50% dos galegos afirma estar contento co modelo actual. Tamén amosa esa enquisa como as veleidades recentralizadoras, ao meu ver inzadas pola coxuntura, teñen certo eco no noso país con aproximadamente un 25% de persoas a favor dun recorte, máis ou menos drástico, das competencias autonómicas. A posición dun cambio cara maiores competencias para as autonomías recolle apenas un 10% de apoio, mentres que as posturas asociadas ao soberanismo son vistas con bos ollos só polo 2,7% da cidadanía. 
 
Sen embargo, moi a pesares da querenza galega pola quietude, a cuestión é que nos van mover os marcos e dificilmente poderemos facer como se non pasara nada. Por iso chama a atención como ningún dos nosos representantes no parlamento galego é capaz de articular unha posición sobre este tema, que non implique facer seguidismo doutras alleas. Non axuda nada, todo hai que dicilo, o espectáculo que día si e día tamén se produce no hemiciclo nos últimos tempos e que desvía a atención que puidera recibir calquera tema deste calado, para satisfacción daqueles que queren recortar o noso autogoberno. 
 
O Partido Popular de Núñez Feijoo, que é o que seguramente máis se parece aos galegos como acostuman a presumir, é incapaz de alzar a voz contra a deriva recentralizadora ordenada dende Madrid. A pesares das queixas pola reforma local ou dunhas máis que sorprendentes manifestacións de Romay Beccaria criticando as posturas recentralizadoras, non será o actual PP de Galicia quen poña obstáculos aos desexos de Madrid, máxime con un Feijoo ambicionando –como bo político de provincias- un lugar destacado en Cortes. Para mostra o recorte no número de deputados que se aveciña, ou o papel de observador de luxo diante dos acontecementos que poden deixar a Galicia sen poder financeiro propio. O PSdG-PSOE é incapaz de amosar unha voz propia sequera dentro do PSOE, o que xa vén sendo unha constante histórica hoxe máis acentuada que nunca. Carente de discurso, semella como de costume máis preocupado en que se resolva a crise de liderado en Madrid que por derivada lle amañe a papeleta aquí, que en impulsar un proxecto minimamente centrado en Galicia. Pola súa banda, AGE aborda esta problemática exclusivamente desde unha perspectiva de “quebra democrática” para o conxunto do Estado, que o mesmo vale para un roto que para un descosido, á vez que a súa parte nacionalista flirtea con posturas soberanistas, por iso de non ser menos que o BNG e responder así ás críticas de pureza que lle fan polo pacto con IU. Non hai proposta concreta algunha dende e para Galicia, en calquera caso. Finalmente, o BNG vai pouco a pouco afacéndose ao traxe que lle era alleo do soberanismo, mesmo asumindo xa postulados independentistas da man de ERC ou Amaiur no Congreso, desconsiderando o escasísimo apoio que estes teñen en Galicia. Atrás fican os tempos, supoño que para ben e para mal, de iniciativas capaces de marcar a axenda como a impulsada por Anxo Quintana para acadar un Novo Estatuto. 
 
E así estamos. Nun momento transcendental onde todo apunta a que se vai abrir o melón constitucional no referido á estrutura territorial do Estado, cando se palpa día a día á incapacidade de Galicia para defender politicamente os seus intereses, estamos orfos dunha voz nas institucións que reafirme o noso goberno e que conecte co sentir maioritario do país. Porque aínda atendendo aos resultados da enquisa arriba mencionada, que aos galeguistas nos gusta máis ben pouco, o certo é que a pulsión recentralizadora identificada no PP resulta pouco aceptable para unha ampla maioría dos galegos. Tamén o resulta, máis aínda, calquera aposta pola independencia ou polo soberanismo ao estilo catalán (o dereito a decidir), por moi grande que sexa o influxo deste último sobre o sentir político galego. Ábrese por tanto a oportunidade para expresar unha postura de país, seguramente concretada en termos federais, e que tome como base o noso dereito e a nosa capacidade a autogobernarnos. Doutro xeito corremos o risco de caer xa non na segunda división autonómica, senón na rexional preferente que auspicia o Partido Popular. Traballemos para que non sexa así; un ano máis. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.