A última gran orde de Feijóo: cambiar a imaxe corporativa da Xunta para gañar as cidades galegas

O Goberno galego acaba de aprobar a súa nova imaxe corporativa. Diferente tipografía e un azul máis próximo ao do logotipo do Partido Popular. O obxectivo é que os carteis da Xunta estean presente en cada recuncho do país de cara as vindeiras eleccións municipais.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pasada semana a Xunta presentaba a súa nova imaxe corportativa. Unha nova imaxe que retocaba a tipografía e o azul intenso imposto na época de Fraga por outro azul máis claro e máis próximo ao que loce as siglas do Partido Popular. E o cambio, obviamente, non foi unha coincidencia.

Manual de estilo do PP
Manual de estilo do PP

Hai meses que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tomou como algo persoal a necesidade de que o que fai o seu goberno se vexa e estea presente en cada recuncho do país.
Feijóo xuntou ao seu equipo de confianza –asesores e secretaria xeral de Medios-- e “botoulles un ‘rapapolvo’”, comentan ao GC fontes coñecedoras destes encontros. O presidente galego instounos a ser “máis incisivos” na comunicación do que fai a Xunta e criticou que leven anos sen visibilizarse os proxectos realizados polo Goberno galego. Xa non chega con ter aos medios "subvencionados", senón que a imaxe da Xunta ten que estar presente en rúas, estradas e obras de todo o país.

A chamada de atención foi de tal calibre que a propia Mar Sánchez Sierra asumiu como propio este gran tirón de orellas do seu xefe. Co máis duro da Covid superado, retomouse con máis forza esta orde do presidente. Iniciouse unha carreira en varias vías; por unha banda,para cambiar a imaxe corporativa da Xunta e, pola outra, para que esa imaxe estea presente en canta obra que fai a Xunta, sexa grande ou sexa pequena.

AS POLÉMICAS

De aí as polémicas dos últimos meses e semanas. A última, a do concerto de Luz Casal en Santiago de Compostela, coa Xunta poñendo o seu logo xigante e o concello tentando cambialo para incluír o seu.

A Xunta presume de cartel no albergue de peregrinos de Vigo
A Xunta presume de cartel no albergue de peregrinos de Vigo | Fonte: EP

Pero a máis comentada foi a do albegue de peregrinos da Xunta en Vigo, onde o equipo de Feijóo insistiu en colocar un gran cartel co logo do Goberno galego no medio do edificio. Precisamente, parte das críticas que Feijóo lles fixo ao seu equipo tiñan como protagonista ao alcalde de Vigo e o seu xeito particular de comunicar e meter o logo de Vigo ata na última beirarrúa que fai. “Así é como se gañan as cidades”, chegou a comentar.

Por iso, o principal obxectivo do equipo de Feijóo é que a Xunta estea presente en toda Galicia, en cada un dos seus recunchos, especialmente, nos espazos urbanos, dos que o PPdeG está maioritariamente desprazado. De feito, o gran obxectivo do presidente galego é tentar recuperar, cando menos, algunha das grandes cidades galegas. E, para iso, “hai que vender o que se fai e vendelo ben”, comentan as fontes consultadas.

CAMBIO OFICIAL

O Consello da Xunta aprobou xa o xoves pasado o decreto co que se actualizan os elementos básicos da súa identidade corporativa co obxecto, explicaba, “de adoptar unha imaxe máis sinxela e dinámica que facilite a súa comprensión adaptada aos novos tempos da comunicación”.

A regulación da imaxe da Xunta de Galicia e o uso da súa imaxe corporativa recóllense no Decreto 409/2009, do 5 de novembro. “O tempo transcorrido e a constante evolución no ecosistema da comunicación fai aconsellable acometer a súa renovación cunha imaxe máis sinxela e dinámica acorde cos cambios da sociedade galega durante a última década”, explicou o Goberno galego.

As modificacións que recolle o novo decreto afectan a cor, o logotipo corporativo formado pola plasmación tipográfica da expresión “Xunta de Galicia”, a tipografía de referencia e a arquitectura de marcas institucional. Uns cambios que aproximan a cor azul da nova imaxe á que ten o logo do propio Partido Popular.

“A nova imaxe corporativa vai ser máis dinámica e permite ir evolucionando co tempo para adaptarse ás circunstancias de cada momento, orientándose cara a formas máis sinxelas que permitan unha fácil comprensión e identificación por parte dos cidadáns”, explicou a propia Xunta sobre este cambio.

"GARANTIR A VISIBILIDADE"

De feito, o propio Goberno galego recoñeceu, en parte, o por que dese cambio que non é outro que o manifestado polo propio Feijóo ao seu equipo. “Trátase dunha aposta por garantir a visibilidade da Xunta de Galicia, cunha linguaxe visual sinxela e moderna, en todos os ámbitos en que a Administración convive coa cidadanía”. É dicir, que, a partir de agora, a Xunta e a súa imaxe teñen que estar presente en cada un dos recunchos do país.

Unha filosofía que a propia Mar Sánchez Sierra xa se encargou de transmitir a todos os xefes de prensa e asesores para que, calquera obra, xuntanza, conferencia ou escrito institucional que se faga, teña moi presente, e en primeira liña, a imaxe da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ho chi minh

O problema é que a xente non é tonta. Despois falan de Venezuela ou de Corea do Norte. Se chegan gobernar eles en Corea aparecería o logotipo ata nos grans de arroz.

1 Houston, temos un problema

...patética demostración do máis ridículo dos absurdos. Se cadra é o inicio da fin do PP galego. Cando tódalas súas estratexias carreteiras, caciquís e de manipulación mediática non abondan para gañar eleccións, como dicían da outra banda, Houston, temos un problema