Rueda, Baltar e Calvo, proclamados únicos candidatos á presidencia do PP de Pontevedra, Ourense e A Coruña

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2021 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

As comisións organizadoras dos congresos provinciais do PP de Pontevedra, de Ourense e da Coruña proclamaron únicos candidatos á presidencia do PP nestas provincias a Alfonso Rueda, Manuel Baltar e Diego Calvo, respectivamente.

Reunión da comisión organizadora do congreso provincial do PP de Ourense. ALBERTE PAZ GARZA
Reunión da comisión organizadora do congreso provincial do PP de Ourense. ALBERTE PAZ GARZA | Fonte: Europa Press.

O presidente do PP na provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda, foi proclamado único candidato para presidir esta formación co apoio de 2.808 firmas. Así o informa a formación popular tras pecharse este mércores o prazo para presentar as candidaturas de cara ao congreso provincial que terá lugar o 18 de setembro e no que Rueda será o único candidato.

Rueda mostrou "orgullo e agradecemento" tras os apoios recibidos "xa que ademais de alcaldes e portavoces municipais e dos cargos a nivel provincial, autonómico e estatal, o actual presidente logrou reunir tamén a firma de máis de 2.000 afiliados de base", explica a formación popular.

Á súa vez, o candidato á reelección incide na necesidade de "seguir incorporando xente, renovando equipos, pero tamén escoitar a todas esas persoas que levan tantos anos traballando polo partido e que teñen experiencia".

No caso de Manuel Baltar, e de cara ao XVIII Congreso Provincial do Partido Popular de Ourense, a comisión acordou por unanimidade proclamalo como único candidato á presidencia da formación.

Fíxoo tras comprobar, tal e como establece o artigo 22 do regulamento, "que o precandidato reúne os apoios estatutarios e regulamentariamente requiridos", condicións entre as que figuran conseguir un mínimo de 75 avais entre os afiliados, estar adherido ao partido desde hai máis de 12 meses e estar ao corrente do pago das cotas e achegas por cargo.

A proclamación de Manuel Baltar como único candidato implica que non se convocarán asembleas para a votación de precandidatos entre os afiliados inscritos. A comisión organizadora, reunida este mércores, tamén acordou dar por convocada a campaña electoral interna.

Mentres, a comisión organizadora do XVI Congreso dos populares da Coruña proclamou oficialmente a Diego Calvo como único candidato á presidencia do Partido Popular da provincia coruñesa, tras ser avalado por 2.025 afiliados.

O pasado luns, Calvo presentaba a súa candidatura para liderar outros catro anos a formación na provincia da Coruña, asegurando que se presenta con ganas de "seguir sumando para seguir facendo aínda máis forte o partido" coa incorporación de novas persoas que permitan á súa formación afrontar con garantías os próximos retos electorais.

Ademais, o comité do congreso, que terá lugar o 25 de setembro, anunciou tamén que, desde o 28 de agosto e ata o 8 de setembro, os afiliados rexistrados poderán presentar a súa solicitude para optar a unha das prazas de compromisarios.

Posteriormente, o 14 de setembro, celebraranse asembleas para a elección dos nomes definitivos de cada un dos compromisarios nos municipios, sempre que haxa máis solicitudes que prazas adxudicadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta