Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 18:22
As familias numerosas galegas xa poden rexistrarse desde este venres na páxina web da concesionaria das autoestradas autonómicas para beneficiarse das bonificacións que entrarán en vigor a próxima semana, segundo informa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
A unidade familiar, que deberá estar en posesión dun título de familia numerosa en vigor, deberá cubrir o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da sociedade concesionaria.
A Xunta lembra que a mediados de agosto implementará novos descontos nas autoestradas autonómicas, dirixidos ás case 27.000 familias numerosas que hai en Galicia, coa previsión de bonificacións a máis de 80.000 viaxes ao ano.
Trátase da bonificación do 100% de viaxe de volta ás familias numerosas nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e de Val Miñor (AG-57), todos os días, excepto domingo e festivos.
"Estes descontos permitirán que unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 pague só 2,55, fronte aos 5,10 actuais, dado que a volta está bonificada ao 100% e sairalles gratis", apostila.
Os descontos son acumulativos polo que as familias numerosas poderán engadirlle tamén a bonificación do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, o membro dunha familia numerosa que se desprace ás 05,30 da madrugada e regrese ás 15,00 horas, pagará ida e volta entre A Coruña e Carballo 1,30 euros.
"Xa que á bonificación por familia numerosa do 100% da volta, suma o desconto do 50% na ida en horario nocturno", explica o departamento autonómico. O sistema vinculará cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.