Fernández Lores acusa a Feijóo de "incitar á violencia" coas súas declaracións sobre Ence

O alcalde de Pontevedra sinala nunha entrevista que "Non hai ningunha empresa coas facilidades que ten Ence. Non pagan nin o cánon da auga".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2021 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acusou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de "incitar á violencia" coas súas declaracións sobre a situación de Ence, da que, segundo Lores, todo o PP --local, autonómico e nacional-- culpa ao Concello.

Nunha entrevista ofrecida este domingo a Cadena Ser, Lores recoñeceu que hai "unha radicalización clara na protesta", pero "hai responsables políticos diso". "Se se di que a xente queda na rúa, que non pode pagarlle os estudos aos seus fillos, etc., iso é incitar á violencia. E é o que están a facer Feijóo e todo o Partido Popular", aseverou o rexedor municipal.

Lores instou ao presidente do Executivo autonómico e ao PP a "pedir perdón" e, ademais, comentou que a Fiscalía "debería" actuar de oficio "porque se está insultado a cargos políticos en sitios públicos".

"Durante décadas estivemos falando de que había que buscar unha nova localización, e durante todo este tempo tentouse saltar as competencias, con enganos manifestos por parte do PP e da empresa, tentando convencer de que podían seguir alí", asegurou Lores.

Así, o alcalde pontevedrés tamén cargou contra Ence, da que dixo que goza de "dereito de pernada industrial". "Non hai ningunha empresa coas facilidades que ten Ence. Non pagan nin o cánon da auga", criticou.

Respecto ao futuro da compañía, o rexedor sinalou que "hai que buscar unha alternativa viable e de futuro". "Nós o que dicimos é que non pode estar en Lourizán, pero se hai outra localización en Pontevedra ou en Galicia, moi ben", apuntou Lores, que puntualizou que "sempre que sexa coas mesmas condicións que calquera outro empresario".

"Non se pode dialogar cunha empresa que di que non se pode trasladar. Negan a maior e así, que diálogo quédache?", comentou o alcalde da cidade sobre as conversacións con Ence.

"A ECONOMÍA NON FUNCIONA SEN A SAÚDE"

Fernández Lores tamén opinou sobre a pandemia, da que dixo que "se fixeron moitas cousas mal". "Aquí seguimos coa teoría de que a economía é o máis importante, sen darnos conta de que a economía non funciona sen saúde", lamentou o responsable do Goberno local.

En canto á situación á que se enfronta a hostalaría, Lores recoñeceu que "se está demonizando ao sector", posto que "os brotes importantes non se produciron na hostalaría". "Impídese que a xente vaia a restaurantes con restricións para que se vaia a outro sitio a xuntarse, non é razoable", censurou, para apuntar ademais que "habería que tomar medidas doutra maneira", pero que "se tomou de broma a pandemia".

ALTERNATIVA AO PP

Por outra banda, Fernández Lores evitou profundar na súa relación con Núñez Feijóo e, aínda que remarcou "a lealdade institucional" coa que traballa respecto ao Executivo autonómico, recoñeceu que "ás veces, custa traballo". "Boto de menos un maior compromiso en determinados asuntos", concedeu Lores, que citou os problemas relacionados coa estrada que une Vilagarcía de Arousa con Santiago, dúas cidades que levan tentando unir 20 anos, segundo declarou.

En canto á situación do seu partido, o Bloque Nacionalista Galego a nivel autonómico, Fernández Lores destacou o "momento de expansión" no que se atopan e encomiou a Ana Pontón, "que representa un sector de xente que quere a este país e que quere un futuro para os seus descendentes e para todo aquel que veña". "Tarde ou cedo, os galegos apostarán por esta opción", asegurou Lores, que ve a Pontón con opcións para o 2024.

Respecto da súa situación dentro do partido, Lores evitou pronunciarse sobre a súa posible renovación en vista das próximas eleccións municipais, "xa que poden cambiar moitas cousas", pero recoñeceu estar "máis ilusionado que nunca".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Patético. Seguro que Lores no se quejaba cuando las protestas de los trabajadores, todo lo radicales que fueran, eran promovidas por el partido guía al que pertenece o el sindicato nazonal.