Temas: MAR PESCA POLBO

O polbo recupérase en Galicia: supera a media histórica de capturas

Multiplica por sete as capturas e por oito os ingresos; o prezo medio alcanza a segunda cifra máis alta da serie histórica: 9,3 euros o quilo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/08/2021 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

As capturas de polbo en Galicia multiplicáronse por sete durante as primeiras semanas tras levantarse a veda, respecto das cifras do pasado ano 2020, uns datos que ven acompañados cun crecemento tamén no volume de facturación.

Polbo galego servido no típico prato de madeira
Polbo galego servido no típico prato de madeira | Fonte: Europa Press.

Así, os ingresos multiplicáronse por oito nos 40 primeiros días de campaña se se comparan cos datos da anterior. De feito, o prezo medio alcanzou a segunda mellor cifra da serie histórica con 9,30 euros o quilo, só superada polos 10,6 euros aos que se chegou en 2018.

Estas cifras foron repasadas pola conslleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita ao porto de Bueu, onde fixo balance das primeiras semanas dunha campaña que, para a mandataria, reflicte unha tendencia de recuperación da especie.

Así, as lonxas galegas recibiron ata a pasada semana un total de 230 toneladas de polbo, o que supón un 3% máis que a media histórica. Estas capturas reportaron vendas de máis 2,1 millóns de euros, un 63% máis que o período histórico (iniciado en 2004-05).

Para a responsable de pesca do Executivo galego, estas cifras confirman os "bos presaxios" apuntados ao termo da pasada campaña en canto á mellora da situación desta especie de cefalópodo.

En Bueu, unha vez levantada a veda (que se estendeu por dous meses, o período máis longo dos últimos exercicios) recibíronse na lonxa 4.500 quilos de polbo vendidos por uns 40.000 euros.

As cifras da lonxa pontevedresa son, deste xeito, similares á serie histórica e triplican as do pasado ano, cunhas vendas un 30% máis elevadas que a media dos últimos anos.

Nesta liña, Quintana puxo o acento en que a "abundancia" de xuvenís no mar, como apuntan os datos solicitados polo sector e os técnicos da consellería, debería "garantir" o desenvolvemento sustentable da pesqueira durante os próximos meses.

Temas: MAR PESCA POLBO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta