Podemos acusa a Feijóo de "favorecer o ensino privado" polos recortes en educación

Denuncia que hai case 4.000 concertos en Galicia, a cifra máis alta de toda a historia.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/08/2021 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

Podemos Galicia denunciou este luns que a Consellería de Educación autorice para este ano 16 aulas concertadas para cursos non universitarios que inclúen infantil, primaria, ESO e FP, nun "momento crítico para o ensino público debido ao peche de centros educativos (138 desde que Feijóo goberna) e aos recortes de profesorado".

O deputado de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino
O deputado de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino | Fonte: Galicia En Común.

Nun comunicado, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, criticou que “Feijóo, á vez que desmantela o ensino público, fortalece o privado”. “O curso empeza en menos dun mes e despois do esforzo que supuxo a pandemia para o conxunto do profesorado así llo paga a Xunta de Galicia. Non hai que recortar, hai que investir nos centros onde estudan as nosas fillas”, dixo.

Segundo publicou o Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres e que entrará en vigor o próximo 1 de setembro, créanse 42 novos concertos educativos, e aínda que desa cantidade se anulan 26, en total autorízanse 16 aulas do modelo subvencionado da Consellería de Educación. En total, case 4.000 concertos en Galicia, a cifra máis alta de toda a historia.

“Desde que Feijóo goberna pecháronse un de cada dez centros educativos e alcanzouse o récord histórico de aulas concertadas. Os datos reflicten as intencións de Feijóo de apostar polo ensino privado, diminuíndo a partida para Educación e deixando de lado as necesidades das familias que queren que o modelo educativo sexa igualitario e de calidade”, alegou Gómez Reino. Así, lembrou que en Galicia pasouse de 1.220 centros escolares en 2009 a 1.082 segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Na última semana a Xunta anunciou recortes en profesorado de varios centros educativos como o IES de Monterroso (Lugo), o IES de Rodeira de Cangas (Pontevedra), o IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña) ou mesmo o peche do colexio de Baamonde (en Begonte, Lugo). “Aínda que Feijóo o achaque ao problema demográfico, para nós é un abandono á contorna rural. A pandemia evidenciou o éxito de reforzar profesorado e da atención especializada. A Xunta debería sentarse a falar coas organizacións educativas e coas familias en lugar de tomar as decisións en solitario”, alegou o secretario xeral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta