Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/08/2021 | Actualizada ás 22:00
A Consellería do Medio Rural acaba de axudicar un contrato de servizo de retén de maquinaria pesada para a extinción de incendios forestais nos distritos forestais de Galicia en plena campaña de lumes. O cotrato foi adxudicado a Eulen, a empresa da que é directiva a irmá de Feijóo, este luns, 23 de agosto, por 117.433,40 euros.
O obxecto desta contratación é o da prestación dun servizo de retén de maquinaria pesada de
extinción para a loita contra os incendios forestais. A execución do contrato inclúe a prestación dun servizo de extinción de incendios mediante maquinaria pesada. Segundo o prego do contrato, ao que tivo acceso GC, "para a prestación deste servizo, o adxudicatario disporá dun retén de maquinaria composto por tractor de cadeas, góndola de transporte e vehículo piloto".
A prestación do servizo levarase a cabo durante 40 días de dispoñibilidade durante o ano 2021 e 50 días de dispoñibilidade no ano 2022. O orzamento do contrato inclúe unha bolsa de horas de extinción e quilómetros de desprazamento do retén. A dispoñibilidade do retén será de 24 horas ao día, das cales 10 horas serán de presenza física do persoal en estado de retén e as outras 14 horas serán de dispoñibilidade, debendo permanecer localizado por teléfono e emisora a menos de 30 minutos do lugar de espera establecido para o retén de maquinaria.
O horario de presenza establecerase, de maneira xeral nos períodos de máximo risco, segundo o indicado polo CCP (Centro de Coordinación Provincial), podéndose variar por necesidades puntuais. O CCP determinará tamén o lugar no que deberá permanecer o retén de maquinaria completo (tractor de cadeas, góndola e vehículo piloto), cargado o tractor sobre a góndola e listo para saír.
ACTUACIÓN EN GALICIA E PORTUGAL
Tras a sinatura deste contrato, Eulén deberá contar con persoal suficiente para a realización de quendas de traballo sen que se supere a xornada establecida legalmente para cada traballador. O CCP debe ter sempre a posibilidade de contactar directamente co persoal asignado. Dentro dos períodos de dispoñibilidade, cando se de aviso de saída do retén de maquinaria para participar na extinción dun lume, este deberase poñer en marcha de forma inmediata cando se encontre dentro das horas de presenza física. Fora do horario de presenza, o persoal deberá desprazarse ao punto de reunión establecido nun prazo inferior a 30 minutos.
O ámbito territorial de actuación dos traballos de retén de maquinaria pesada contra incendios
forestais comprende toda Galicia, aínda que tamén se poderá actuar en zonas limítrofes das comunidades autónomas coas que exista convenio ou na zona fronteiriza con Portugal.
A Consellería do Medio Rural vén facendo contratos ao longo deste ano para facerse cos servizos deste tipo de reténs. No que vai de ano xa realizou 18 contratacións, entre elas, outra a Eulen o pasado 22 de xuño por valor de 104.000 euros. De feito, o orzamento base de licitación ascende á cantidade de 2.261.921,93 € (IVE incluído).
EULEN
Eulen, a multinacional da que é directiva Micaela Feijóo, irmá do presidente galego, facturou ata o 2020 máis de 29 millóns de euros a través de distintos contratos públicos con consellerías e fundacións do Goberno galego.
A maior parte destes contratos foron de limpeza, mantemento, seguridade, servizos sociosanitarios e medio ambiente, aínda que tamén houbo contratos doutras divisións da empresa como son os de servizos auxiliares e traballo temporal. Os grandes contratos de Eulen durante estes anos de Goberno de Feijóo foron co Sergas, a Consellería de Traballo e Benestar, coa do Medio Rural, a de Medio Ambiente e fundacións ou institucións como a Semana Verde de Silleda, Sogama ou a CRTVG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.