Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 12/09/2021 | Actualizada ás 10:00
Tal e como comentabamos na anterior entrega, e gardando unha relación bastante directa con ela (tal é así que en diferentes contextos de uso poden confluír as expresións de ambas), imos desta feita reflectir secuencias expresivas que dan conta de que unha persoa está parada ou sen facer ningún traballo, faena ou labor cando se entende que si os debería estar a facer.
Sin hacer nada && Parado
{= Sen facer ningún traballo, faena ou labor, cando se entende que si os debería estar a facer.}
Ó alto
Mirando para o aire
A velas vir
[TAMÉN]:
De verga
De boubeta
En oremos
Ás minchas
Mirando para os paxaros
Sen facer nada
Parado
Ex.: Dile al muchacho que si ha acabado lo que le mandé hacer, que se ponga a retirar el escombro, pero que no lo quiero ver ahí sin hacer nada.
Dille ó rapaz que se xa acabou o que lle mandei facer, que se poña a retirar o cascallo, pero que non o quero ver aí ó alto ‡ mirando para o aire ‡ a velas vir ‡ de verga ‡ de boubeta ‡ en oremos ‡ ás minchas ‡ mirando para os paxaros.
● Tamén, nesta mesma liña:
(Estar # ...) Holgazaneando && (Estar # ...) Vagueando
Vagueando && Lacazaneando && Zangoneando && Tangoneando && Metido na cinza && Correndo na liña && Cunha perna encima doutra
Ex.: Dille ó rapaz que se xa acabou o que lle mandei, que se poña a retirar o cascallo, pero que non o quero ver aí vagueando ‡ lacazaneando ‡ zangoneando ‡ tangoneando ‡ metido na cinza ‡ correndo na liña ‡ cunha perna encima doutra.
● Tamén:
De brazos cruzados && Cruzado de brazos
De brazos cruzados && Cruzado de brazos
● Tamén, posiblemente asociadas en maior medida a ámbitos de uso familiares e informais:
Tocándose # Rascándose la barriga && Tocándose la pera && [E INDA TAMÉN, CON MAIOR CARGA DE VULGARIDADE]: Tocándose los cojones # las pelotas
Rañando # Rascando a barriga # o embigo # os pés # as pernas && Tocando a gaita && [E INDA TAMÉN, CON MAIOR CARGA DE VULGARIDADE]: Rañando # Rascando o carallo # a cona # a pirola # o cu # as bólas # os collóns # as pelotas
● E mais tamén:
De # Coa boca aberta && Sacando # Quitando # Arrincando # Arrancando (os) pelos dunha perna e meténdoos noutra # e poñéndoos noutra # e plantándoos noutra # e espichándoos noutra && Facendo as moscas && Facendo os tabáns sen rabo && Andando/Indo de candongo
Ex.: Dille ó rapaz que se xa acabou o que lle mandei, que se poña a retirar o cascallo, pero que non o quero ver aí de boca aberta ‡ quitando os pelos dunha perna e espichándoos noutra ‡ facendo as moscas ‡ facendo os tabáns sen rabo ‡ andando de candongo.
● E inda, nomeadamente dando a entender que se está ó alto por non haber traballo que facer ou por non haber clientes:
De cebola
● E tamén, aplicadas ós mariñeiros que están ó alto por non haber peixe:
Estar a campamento && Haber campamento
● E incluso tamén, en contextos, cando nos referimos a varias persoas que están ó alto:
Estar mirando (os) uns para os outros
NOTAS:
1. Polo que atangue á expresión estar ó alto, recollemos dunha informante a explicación que nos deu acerca da súa orixe, explicación que apuntamos a seguir e que realmente ten a súa lóxica: polo que nos dixo, a orixe da expresión estaría en moitos dos traballos tradicionais da terra (sachar, segar...), nos que as persoas que os levaban a cabo tiñan que estar abaixadas, mentres que os que estaban sen facer nada atopábanse na posición de ergueitos, isto é, “ó alto”, polo que a partir de aí se fixaría lingüisticamente esta secuencia para dar conta de alguén que está sen traballar cando si o debería estar a facer.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Domínguez Rial, Evaristo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños (Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13, 2011, páxs. 301-404. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Edición en liña.
- Rivas, Paco: Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 1, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.