Caballero acusa a Feijóo de "esconder a saturación" da atención primaria co uso das consultas telefónicas

Para o dirixente socialista, os problemas de saturación e falta de persoal evidenciáronse nas listas de espera do verán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "esconder a saturación" nos servizos de atención primaria do Servizo Galego de Saúde a través do emprego das consultas telefónicas. Caballero pronunciou estas palabras durante a súa visita este venres ao centro de saúde de Nigrán, onde atendeu aos medios acompañado polo rexedor do municipio, Juan González, e os alcaldes dos concellos de Baiona, Carlos Gómez, e Gondomar, Paco Herrera.

Alí, o responsable socialista incidiu en que "non se pode permitir" que se empregue a "telemedicina" para "esconder o fracaso da xestión do PP na sanidade pública".
Caballero fixo referencia ás declaracións da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, que na Comisión de Sanidade da Cámara galega recoñeceu que o Sergas non prevé aínda abrir a petición de citas presenciais para os pacientes e que estas continuarán dependendo do facultativo.

Para o socialista, a Xunta emprega as citas telefónicas para "esconder os problemas de saturación, a falta de persoal e as listas de espera" en atención primaria despois dun verán no "evidenciáronse esperas de 26 días" para consultas co médico de cabeceira nalgunhas áreas sanitarias.

Neste sentido, censurou que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, diga que "a Xunta nin ten respostas nin ten propostas", algo que, segundo Caballero, provoca que exista "un descontento crecente coa sanidade pública" nas comarcas galegas.

SITUACIÓN EN VAL MIÑOR

Como exemplo disto último, o responsable socialista sinalou o que ocorre nos servizos sanitarios da comarca do Val Miñor, que son unha mostra "das consecuencias dos recortes e a falta de aposta pola sanidade pública do goberno do PP".

"A cidadanía desta área ten máis dificultades e peores prestacións das que lle corresponden", manifestou Caballero despois de asegurar que os servizos sanitarios no Val Miñor "redúcense" no verán mentres a súa poboación "multiplícase".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no centro de saúde de Nigrán xunto a alcaldes da comarca do Val Miñor. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no centro de saúde de Nigrán xunto a alcaldes da comarca do Val Miñor. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta