Feijóo presume dun PP unido fronte ás "conspiracións" do PSOE e ás "batallas de familias" do BNG

O mandatario autonómico reivindica un compromiso "coa igualdade real e efectiva" entre homes e mulleres, pero desligado de "estridencias".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/09/2021 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, contrapuxo a "unidade" do seu partido aos "axustes de contas" e "conspiracións entre compañeiros" do Partido Socialista e á "batalla de familias do nacionalismo" que, ao seu xuízo, abriu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao anunciar que iniciaba un período de reflexión sobre a súa continuidade á fronte da formación frontista.

Feijóo enviou esta mensaxe durante a súa intervención na tarde deste luns no comité executivo do PP galego, celebrado nun hotel de Santiago de Compostela e que ratificou os nomeamentos da nova estrutura orgánica do partido xurdida do proceso de renovación interna que culminará nas próximas dúas semanas cos congresos provinciais.

Unhas citas nas que o PP ratificará aos actuais presidentes provinciais --Manuel Baltar en Ourense, Diego Calvo na Coruña, Alfonso Rueda en Pontevedra e Elena Candia en Lugo-- e para as que Feijóo pediu aos seus dirixentes e militantes que se centren nas "ideas" e non "nos nomes".

E é que o presidente galego subliñou que a forma de "funcionamento" do PP "non sorprende" porque o fai como unha organización que chega ás "maiorías", que axunta "sensibilidades" e que "sabe que o único que non ten que facer é dividir e restar".

Fronte a isto, sinalou a "sorpresa" de ver a un Partido Socialista "presumindo de que se pon de acordo" para "ver quen" representa á organización no Congreso Federal, o que, para o presidente, "acredita como está" un PSOE no que ve "axustes de contas" e "conspiracións entre compañeiros".

Tamén fixo unha alusión directa á situación interna do BNG, marcada polo período de reflexión aberto pola súa líder, Ana Pontón, para meditar sobre a súa continuidade á fronte dunha formación que encabeza desde 2016. Para Núñez Feijóo, tamén é "unha sorpresa que unha lider que leva 17 anos como deputada no Parlamento diga agora que se vai para simplemente diminuír o poder das familias do nacionalismo galego que a puxeron aí".

"Fronte aos que discuten por nomes, propoño que nos congresos provinciais discutades por ideas e por políticas útiles para os cidadáns", exhortou Feijóo aos seus compañeiros dun partido que di estar "moi orgulloso" de presidir porque "demostra que a política é un instrumento potentísimo" e porque "entende que os cidadáns teñen xa suficientes problemas como para que un partido crese problemas a si mesmo".

APERTURA CURSO POLÍTICO

O comité executivo dos populares galegos serviu tamén para escenificar a apertura do curso político a nivel orgánico despois dun verán que, segundo Feijóo, foi un período de "impulso" para Galicia, posto que "demostrou estar preparada" para o período de "recuperación" que se abre unha vez avanzado o proceso de vacinación contra o covid.

Ante este reto, Feijóo incidiu na importancia de contar en San Caetano con "un goberno que goberne" e que, desde a "unidade" e evitando "pelexas por obter un titular de prensa", sexa quen de "manterse lonxe de polémicas estériles que non interesan aos cidadáns".

IGUALDADE E VISTA POSTA EN 2023

Ademais, o líder dos populares reivindicou o compromiso do PP "coa igualdade real e efectiva" entre homes e mulleres, que desligou de "feminismos de pancartas", "estridencias" ou "volteretas de linguaxes" e tamén do "feminismo confinado nunha ideoloxía".

Por tanto, defendeu que o compromiso coa igualdade do PP ten reflexo "no traballo diario", en "accións concretas" postas en marcha nos distintos niveis de goberno nos que o partido ten responsabilidades. "Porque sabemos que é moito máis difícil traballar que predicar", apostilou.

Por último, Feijóo enviou unha mensaxe aos seus dirixentes municipais coa vista posta na próxima cita no calendario electoral que, de non haber adiantos, correspondería aos comicios locais previstos para o ano 2023.

"Queda traballo por diante; será duro pero valerá a pena", aseverou Feijóo antes de animar aos seus responsables nos concellos a conseguir que "cada veciño teña unha referencia" como camiño para conseguir o máximo apoio dentro de menos de dous anos, posto que ao PP "non lle vale con gañar as eleccións, só lle vale ter un resultado extraordinario".

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, intervén ante o comité executivo do seu partido nun encontro celebrado nun hotel de Santiago de Compostela. PPDEG
O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, intervén ante o comité executivo do seu partido nun encontro celebrado nun hotel de Santiago de Compostela. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta