BNG e CIG chaman a mobilizarse esta fin de semana contra a "estafa" da factura da luz

Critican o "nulo papel" do Goberno e a Xunta á hora de conter o prezo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2021 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O BNG e a CIG fixeron un chamamento a mobilizarse nas rúas esta fin de semana en protesta contra a "estafa" da factura da luz e para demandar solucións ante o incremento de prezos na electricidade. A central nacionalista convocou este domingo unha veitena de concentracións noutras tantas localidades galegas baixo a lema 'Non á estafa da luz, recuperación das centrais hidroeléctricas, tarifa eléctrica galega'.

Nun comunicado, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, censurou o "nulo papel" que, ao seu xuízo, desempeñan tanto o Goberno central como o da Xunta á hora de "garantir con políticas públicas o acceso á electricidade do conxunto da poboación en condicións alcanzables". Na mesma liña manifestouse a deputada do Bloque Noa Presas en declaracións aos medios este xoves en Ourense, onde cualificou de "insoportable" a situción derivada do incremento dos prezos da luz.

Na carpa instalada polo Bloque na rúa do Paseo, Presas lamentou a terceira marca histórica acadada este xoves no prezo da luz, que está un 9% máis cara que hai 24 horas e un 268% se se fai a comparativa co ano pasado.

"É un absoluto escándalo e demostra que as medidas do goberno central son insuficientes porque non van ao fondo da cuestión, que é a impunidade das eléctricas e a forma de conformarse a factura, cun sistema absurdo no que tecnoloxías que producen de forma moi barata como a hidroeléctrica acaban cobrando como as máis caras. É como se imos ao super e nos cobran unha barra de pan a prezo de marisco", sentenciou a parlamentaria.

A deputada do BNG Noa Presas en rolda de prensa. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
A deputada do BNG Noa Presas en rolda de prensa. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta