O outono será "máis seco e cálido" do habitual en Galicia, tras un verán "normal"

Xullo foi o máis frío desde o ano 2012, pero foi compensado por un agosto cálido

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/09/2021 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) prevé que o próximo trimestre en Galicia sexa "máis cálido e máis seco" do normal, segundo informou o seu delegado na comunidade, Francisco Infante, este venres nunha rolda de prensa celebrada na Delegación do Goberno na Coruña.

Infante sinalou que o tempo mellorará a partir da próxima semana, aínda que este fin de semana manterase "inestable", con treboadas o venres e precipitacións na mañá do sábado e a noite do domingo.

Na primeira quincena de setembro, a temperatura estivo "por encima do normal", pero segundo apuntou, nos últimos días estas están a baixar. Infante destacou tamén as treboadas que se produciron durante este período que ocasionaron danos en varias zonas.

Respecto ao anterior trimestre, o delegado do AEMET cualificou ao verán en Galicia como "normal" en temperatura e precipitacións. Xullo foi o máis frío desde o ano 2012, pero foi compensado por un agosto cálido, no que se alcanzou a temperatura máis alta do verán, con 39,1 graos en Verín.

MES TREBOENTO

O responsable da Aemet destacou o "carácter treboento" do mes de xuño. Entre o 10 e o 18 houbo treboadas de forma ininterrompida e estas producíronse nun total de 14 días, o que provocou que fose un mes "húmido".

Doutra banda, Infante explicou que xullo e agosto foron meses "secos". En xullo houbo un 40% menos de precipitacións e en agosto, un 50% menos respecto do habitual. O delegado tamén mencionou que se produciron "valores moi baixos" de horas de sol en Pontevedra, A Coruña e o norte de Lugo durante o mes de xullo.

Arquivo - Outono. EUROPA PRESS/MUNDO-R - Arquivo / Europa Press
Arquivo - Outono. EUROPA PRESS/MUNDO-R - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta