Caen os casos activos de covid-19 en Galicia, pero soben os hospitalizados

A área de Ferrol queda sen hospitalizados por coronavirus nunha xornada na que os contaxios detectados seguen por baixo dos 60.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2021 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

Os casos activos de Covid-19 en Galicia manteñen a tendencia descendente, pero os pacientes hospitalizados crecen lixeiramente ata os 59 --dous máis--. Mentres tanto, os contagios detectados a diario mantéñense en torno ao medio centenar.

Varias persoas acoden a un espazo con locais de hostalaría en Santiago
Varias persoas acoden a un espazo con locais de hostalaría en Santiago | Fonte: César Arxina - Europa Press.

Segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade este sábado, con rexistros ata as 18,00 do venres, hai 18 persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos --unha máis--, mentres que outras 29 están en planta --unha máis--.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en tres (Ferrol, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e Vigo), pero aumenta lixeiramente nas outras catro (A Coruña-Cee, Lugo-A Mariña-Monforte, Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza).

En canto ás que soben, A Coruña contabiliza 17 ingresados con covid (+2), dos que cinco (sen cambios) están críticos. Séguelle a área de Lugo, con 13 hospitalizados (+1), dous deles na UCI (tamén sen variacións).

Mentres tanto, a área sanitaria de Santiago-Barbanza contabiliza 12 hospitalizados por coronavirus (+2), aínda que en coidados intensivos mantéñense tres, e en Pontevedra-O Salnés hai sete (+1), dous deles (+1) na UCI.

No lado oposto, os hospitais da área de Ourense reducen a sete os ingresados (-2), dos que catro se manteñen críticos; na de Vigo descenden a tres (-1), dous deles en UCI; e en Ferrol xa non hai persoas con coronavirus que requiren de hospitalización.

CASOS ACTIVOS EN DESCENSO

Galicia mantén a tendencia descendente de casos activos de covid-19, que se sitúan en 1.443, o que supón 120 menos que os rexistrados a xornada anterior, ao haber de novo máis altas (175), que contaxios (58), aos que se suman dúas novas vítimas mortais.

Así, Galicia xa conta con menos de 1.500 infeccións activas, a niveis de hai tres meses. E é que a última xornada cunha cifra tan baixa foi o 25 de xuño.

Por áreas sanitarias, os pacientes covid seguen en descenso en todas elas. A Coruña-Cee rexistra, de acordo cos últimos datos, 340 casos activos (-43). Séguenlle a de Vigo, con 287 (-12), e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 268 (-28).

Mentres tanto, Santiago-Barbanza conta con 208 infeccións activas (-12), Ourense-Verín-O Barco ten 201 (-10), Pontevedra-O Salnés 101 (-7) e Ferrol pecha a táboa con 38 (-8).

No inicio da fin de semana, os contaxios de covid-19 detectados nun día por todo tipo de probas mantéñense por baixo do cento, cun lixeiro incremento a 58, tres máis que os 55 rexistrados este venres.

Os contaxiados de coronavirus en Galicia desde o inicio da pandemia ascenden a 182.077, dos cales 43.021 corresponden á área da Coruña; 37.562, á de Vigo; 26.927, á de Santiago; 21.673, á de Ourense; 21.396, á de Pontevedra; 19.880 á de Lugo; e 11.618, á de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta