Protestas dos bombeiros forestais municipais contra a "precariedade sistemática" e reclaman melloras á Xunta

"É unha condena amparada a un convenio de colaboración coas administracións locais que, ademais de caducado, nunca se adaptou á realidade", sosteñen.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/09/2021 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

A Asociación de Bombeiros Forestais dos Concellos de Galicia (Bomfocoga) denunciou a situación de "precariedade sistemática" que aseguran vivir "verán tras verán por parte da Xunta de Galicia", cunha protesta ante a súa Delegación de Medio Rural na cidade de Ourense.

Bomfocoga chama á mobilización do sector forestal e da cidadanía en xeral para denunciar a súa situación laboral, pedíndolle á Xunta a equiparación nas condicións laborais e máis meses de contrato.

Así, máis de medio centenar de bombeiros forestais, de toda a comunidade galega, concentráronse ante a Delegación de Medio Rural en Ourense para facer públicas as súas queixas e tentar buscar unha solución nun sector que, recriminan, "non profesionalizan" e "só consegue precarizar".

"É unha condena amparada a un convenio de colaboración coas administracións locais que, ademais de caducado, nunca se adaptou á realidade", sosteñen. Lamentan que non se teñen en conta as necesidades dos traballadores nin as do propio servizo.

Critican a desigualdade que sofren "en relación a traballadores doutras administracións, pero tamén entre o mesmo traballo pero en distintos municipios". "Cambian salarios, o equipamento, a seguridade, a formación e a duración dos contratos, ademais non cobramos plus de perigo", aseguran.

Por iso, urxiron a unha equiparación nas condicións e un mínimo de seis meses de traballo ao ano, de forma que poida así deixar os labores de prevención fóra da tempada de alto risco de incendio. "Non ten sentido estar a rozar á vez que vixiando os incendios, tería que facerse antes", expoñen.

Así, afean que: "Non é comprensible que se lles permita ás corporacións municipais valorar ao seu libre entendemento o manexo das nosas subvencións e baixo a escusa do aforro repercutir directamente na nosa nómina, na nosa formación e na nosa seguridade laboral".

Protesta de bombeiros forestais municipais en Ourense
Protesta de bombeiros forestais municipais en Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta