Estafas e coaccións a peregrinos: os outros 'negocios' que xorden co Xacobeo

A Garda Civil detecta un aumento de delitos vencellados ao Camiño de Santiago. O último caso, dous veciños de Lugo que intimidaban aos camiñantes pedíndolles cartos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2021 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo a dous cidadáns romaneses veciños de Lugo como presuntos autores dos delitos de falsidade documental, estafa, intrusismo e coaccións por pedir insistentemente diñeiro e intimidar a peregrinos no Camiño de Santiago facéndose pasar por colaboradores de entidades benéficas.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos ocorreron este pasado martes nun tramo do Camiño de Santiago que discorre pola parroquia de Carballal, en Palas de Rei, cando un grupo de peregrinos avisou á Garda Civil "ao verse sorprendidos por dúas persoas que lles reclamaban insistentemente diñeiro e interrompíanlles a marcha".

Por iso, axentes da Oficina Móbil de Atención ao Peregrino (OMAP) localizaron aos dous individuos, de 19 e 36 anos de idade, e, unha vez confirmados os feitos, procederon á súa detención.

Nos últimos meses, indican as mesmas fontes, "detectouse un aumento inusual" de chamadas á central coordinadora da Garda Civil que advirten da presenza de varias persoas no Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo que "molestan, entorpecen o paso e, nalgunhas ocasións, intimidan aos peregrinos", destaca a Benemérita, co "propósito de recadar diñeiro amparándose en que se trata de achegas para entidades benéficas", engade.

GRUPOS REDUCIDOS

Coa finalidade de perpetrar o engano, explica o Instituto Armado, estas persoas conforman "grupos reducidos de dous ou tres membros", que se sitúan en tramos do Camiño de Santiago "de difícil acceso", avisan, co fin de "eludir a detección por parte dos axentes da Garda Civil".

Ademais, a Benemérita, resalta que "adoitan portar documentos e pezas de roupa con logos correspondentes a coñecidas entidades de beneficencia". Con esta modalidade delituosa, aseguran as mesmas fontes, recadaba cada membro da organización uns 1.500 euros mensuais.

Coas últimas detencións, elévanse a oito as persoas investigadas na operación que ten aberta a Oficina de Atención ao Peregrino encamiñada a erradicar esta modalidade delituosa do Camiño de Santiago. As persoas detidas en relación con estes feitos foron postas a disposición xudicial.

A Garda Civil vixía o Camiño de Santiago.. GARDA CIVIL
A Garda Civil vixía o Camiño de Santiago.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta