Catasós, a fraga que leva 21 anos agardando a ser protexida tras estar ameazada por eléctricas

A Xunta presentou o plan de conservación do espazo que só recolle menos de 5 hectáreas. Adega critica o nivel de protección e pide amplialo a 180 recollendo unha zonificación de “protección total”.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 02/10/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Unha fraga de encanto no medio do concello de Lalín. As Fragas de Casas Vellas-Catasós levan agardando anos por unha protección efectiva. A Xunta someteu a consulta o plano de conservación deste espazo 21 anos despois da súa declaración. Pero o texto volta a esquecer as demandas de ecoloxistas e concellos para ampliar e dotar de coerencia a este espazo.

Fraga de Catasós, en Lalín
Fraga de Catasós, en Lalín

Por iso, Adega anima ao Concello de Lalín a que retome a proposta de ENIL para as Fragas de Casas Vellas-Catasós para protexer estes excepcionais bosques e convertelos "nun referente paisaxístico e forestal do interior da Galiza". Lembra que en decembro de 2017 ADEGA respostara ás consultas sobre o Plano de Conservación da Fraga de Catasós, para demandar que este Monumento Natural incorporara a superficie boscosa circundante, para dotar ás fragas de maior entidade, protección e riqueza dos seus valores naturais.

"Pretendiase propiciar unha caste de burbulla ecolóxica coa que ofrecer as mellores condicións de protección para os castiñeiros senlleiros deste Monumento", lembra xa que un dos principais riscos para as Fragas é a súa superficie tan reducida, de tan só 4,5 ha. "Unha superficie insuficiente para garantir a protección dos procesos ecolóxicos e ambientais que nel teñen lugar, dado que estes non son independentes aos condicionantes ambientais do seu arredor", engade a entidade ecoloxista nun comunicado.

Pero, transcorridos catro anos dende que a Consellería iniciara consultas para a aprobación do devandito Plan, Adega critica que esta non tivo a ben contestar sequera ás catro alegacións presentadas no procedemento. "Agora pretende concluir o expediente sen ter considerado as propostas nen dado resposta ás cuestións formuladas nas alegacións", denuncia.

PROTECCIÓN MÁIS AMPLA

O Plano de Conservación fora presentado pola Xunta xusto despois de desestimar a declaración como Espazo Natural de Interese Local para a Fraga de Casas Vellas, ameazada polo paso dunha liña eléctrica. E, Adega di que o actual documento infravalora as masas que forman parte da unidade vexetal e paisaxística do territorio onde se sitúa o monumento, sen considerar a importancia e enriquecemento ecolóxico que aportaría ao Monumento Natural.

"Preocupa que con este Plan o bosque circundante fóra do espazo non teña garantida a súa protección, nin ante o paso de liñas eléctricas ou outro tipo de infraestrutura, nin ante actuacións silvícolas duras e intensivas", critica. Por iso, insiste en que resulta fundamental que se incorpore ao Monumento Natural das Fragas de Catasós varias das masas boscosas circundantes, pola riqueza biolóxica que aportarían ao Monumento. 

Deste xeito, propón pasar das 4,5 ha. que ten o Monumento actual a unha superficie de fragas e soutos que atinxe a unhas 180 ha. recollendo unha zonificación de “protección total”, que comprendería o espazo público que ocupa o actual Monumento, e a restante superficie a ampliar a considerar coma de “usos moderados”, de titularidade privada, para a que continuarían autorizándose os mesmos aproveitamentos e usos establecidos no PXOM de Lalín e na Lei do Solo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Marilar Aleixandre

Unha fraga marabillosa que non merece este desleixo da Xunta