Os seis cachorros rescatados dun colector en Sanxenxo recupéranse nun centro de Pontevedra

Outra cadela e as súas crías apareceron abandonadas en Postemirón e tamén evolucionan favorablemente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2021 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

Os seis cachorros recuperados dun colector de Sanxenxo por axentes da Garda Civil e a Policía Local recupéranse no centro de acollida para animais da Deputación de Pontevedra.
Brisa, Brétema, Laias, Centella, Mauro e Allo evolucionan favorablemente no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) de Pontevedra, onde chegaron hai unha semana despois de ser rescatados dun colector.

A intervención dos axentes, alertados por un veciño da zona que escoitaba o xemido dos cachorros no interior do colector, permitiu o rescate das crías, que foron recollidos e trasladados ao centro. Alí recupéranse desde entón á espera de que, co paso das semanas e unha vez completen as pautas de vacinación, poidan saír en adopción a partir dos tres meses de idade.

Unha vez rescatados, o Seprona iniciou unha investigación que permitiu identificar o dono dos animais. Así, Lúa, a nai dos cachorros, foi levada ao centro para que aleitase ás súas crías e lograr que todas sobrevivisen.

Ademais dos seis cans de Sanxenxo, o centro da deputación tamén recibiu nos últimos días outros dous cachorros e unha nai, recuperados en Vilaboa. Tea e as súas crías Mini e Lola apareceron abandonadas en Postemirón e tamén evolucionan favorablemente nas dependencias do CAAN.

Cachorros e a súa nai recuperados dun colector en Sanxenxo. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Cachorros e a súa nai recuperados dun colector en Sanxenxo. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta