Temor "ao rodete" do PP: os grupos encaran un debate da autonomía marcado pola covid

A recuperación da pandemia nas súas distintas vertentes centrará o primeiro debate da lexislatura e décimo con Feijóo como presidente

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2021 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

A recuperación da pandemia nas súas distintas vertentes sanitaria, social e económica protagonizará o primeiro Debate sobre o Estado da Autonomía do XI Lexislatura, décima cita autonómica de política xeral con Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta.

Aínda que o escenario será o habitual, o Parlamento de Galicia, os tres grupos parlamentarios con representación --PPdeG, BNG e PSdeG-- coinciden en que a conxuntura na que o Pazo do Hórreo vivirá este debate entre o mércores e o venres é "distinta" debido ao transfondo da covid-19.

Así, mentres o presidente e os líderes de BNG, Ana Pontón, e de PSdeG, Gonzalo Caballero, preparan os seus discursos, os portavoces dos grupos comparten que o reto de apostar polo diálogo para tratar de alcanzar acordos é, se cabe, maior que nunca. Iso si, a oposición teme o "rodete" do PP e avisa: non dirá "si bwuana" a Feijóo.

Niso incidiu, en declaracións a Europa Press, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, quen destacou que, xunto co inmediatamente posterior debate dos orzamentos --que se producirá marcado polo recente falecemento de Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda--, trátase da cita política autonómica "máis importante deste ano".

O Bloque destaca que a pandemia "o cambiou todo", pero tamén afrontará o debate cunha novidade, a de situarse, tras as eleccións de xullo de 2020, como segunda forza política e asumir "o liderado da oposición". Con esta perspectiva, buscará pechar "o diagnóstico, a foto fixa" do estado dunha Galicia non só afectada pola covid senón "por 12 anos de Goberno de Feijóo".

"UN MODELO ALTERNATIVO"

Pola súa banda, o viceportavoz dos socialistas na Cámara, Pablo Arangüena, ratificou a Europa Press que o seu grupo centrará as súas 40 propostas nos asuntos prioritarios que "configuran un modelo de país en base a unha estratexia da que carece o Goberno de Feijóo", na liña de "ser proactivos e evitar que Galicia continúe á deriva".

Así, o PSdeG reivindicará o seu modelo, dirixido a "frear o déficit en política social" e as carencias da política industrial que detectan no Executivo autonómico. Os socialistas tamén encaran o debate con "vontade de diálogo" fronte a un goberno que "fai bandeira do rodete parlamentario e da confrontación coas demais administracións" e cun Feijóo só "preocupado de facer seguidismo a Pablo Casado".

O PP ESPERA QUE NON AFECTEN Os PROCESOS INTERNOS DA OPOSICIÓN

O PPdeG tamén aseguran que esperan a cita con vontade de diálogo e o portavoz parlamentario, Pedro Puy, apelou a "chegar a acordos", pero este entendemento, engadiu, será posible "na medida en que os grupos deixen de lado as súas loitas internas" e os procesos orgánicos nos que están inmersos tanto PSdeG como BNG.

Con todo, esta mesma semana, Puy apuntaba con especial intensidade ao PSdeG: "Non se pode dicir que o PP aplica o 'rodete' e logo facer campaña interna dicindo que o que diferencia a un candidato do outro é que non quere falar con Feijóo".

E tamén cargou contra o BNG por "insistir en ideas que están á marxe da realidade" e que teñen un "fondo soberanista". A este respecto, afeou aos nacionalistas os seus apoios a partidos como Esquerra Republicana (ERC) e Bildu con postulados que "están moi lonxe non só do que quere o PP, senón tamén a maioría de Galicia".

Parlamento de Galicia / Parlamento. / Europa Press
Parlamento de Galicia / Parlamento. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta