A Xunta gastou case 11 millóns de euros en combustible, peaxes a aparcadoiros

Os vehículos do Goberno galego facturaron moito máis en gasolina en 2020 que en 2021, a pesar do confinamento de tres meses e os peches perimetrais. E iso mentres a Administración de Feijóo insiste en potenciar os vehículos eléctricos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Solred foi a adxudicataria dun paquete de servizos para subministrar combustibles, telepeaxes e pagamento de peaxes, lavados en máquinas de autolavado e aparcadoiros dos vehículos dos parques móbiles centrais e sectoriais da Xunta de Galicia. Unha adxudicación asinada a finais do 2019, que aínda está vixente ata finais deste mes  --son 24 meses--, e pola que a Xunta pagou 10.757.542,36 euros con IVE. Unha cantidade que contrasta coas mensaxes para apostar polos vehículos eléctricos e as subvencións para a compra destes coches.

Rueda non vehículo eléctrico da Xunta
Rueda non vehículo eléctrico da Xunta | Fonte: xunta.gal

O contrato é aplicable aos vehículos de case todas as consellerías e organismos dependentes, agás Presidencia, dependente do propio Núñez Feijóo e a Consellería de Facenda. É dicir, que para estes departamentos, está en vigor outro contrato de subministració de combustibles, peaxes e lavados.

Con todo, no contrato chama a atención os gastos en combustible realizados en 2020, ano da pandemia, e na que a actividade administrativa estivo case paralizada durante tres meses, e tras a fin do estado de alarma, outras actividades foron ralentizadas debido as restricións sanitarias e peches perimetrais decretados pola propia Xunta. Así, o pagado en combustibles previstos en 2020 foi de 4.656.102 euros, mentres que en 2021 a cifra é de 4.215.644,51 euros segundo a documentación do adxudicatario á que tivo acceso Galicia Confidencial.

O mesmo acontece co resto de conceptos que son máis elevados en 2020, ano de plena pandemia, que no 2021 que é o da normalización. Así, o gasto en telepeaxes previstas en 2020 foi de 666.387,83 euros fronte aos 601.161,25 de 2021. O mesmo acontece co gasto en lavados e autolavados; 38.686,01 en 2020 e 34.685,08 en 2021, ou pagamento de aparcadoiros; 8.228,01 en 2020 e 7.351,66 en 2021. En total, o gasto para lavados foi de 78.070,01 euros durante os 24 meses de duración, o de combustibles en 9.316.006,95, o de peaxes de 1.346.979,39 e o de aparcadoiros de 16.486,01.

CONDICIÓNS

A Xunta esixe que a empresa adxudicataria, neste caso Solred, teña un minimo de 15 estacións de servizo en cada provincia, debendo ter necesariamente estacións de servizos nas sete grandes cidades galegas. Ademais, deberá ofrecer un desconto mínimo sobre o prezo en surtidor das gasolineiras da rede dun 8% en gasolina e gasóleo clase A e de 1% en GLP e aditivos. Ademais, deberá proporcionarlle á Xunta dispositivos transmisores “OBE” para telepeaxes e servizos de aparcamentos a través de Vía T.

CONTROL DO COMBUSTIBLE

Por outra banda e, segundo o contrato, o subministro do combustible efectuarase a través de tarxetas magnéticas, propias da empresa adxudicataria, que o funcionario ou traballador da Xunta terá que presentar e sexa coincidente coa matrícula do vehiculo, “debendo figurar a matricula nos correspondentes tíckets”. Un sistema co que a Xunta pretende controlar que non haxa picarescas.

De feito, o concurso vai máis alá e inclúe no prego de condicións un artigo no que suliña que a empresa adxudicataria “deberá dispor dun instrumento para que a Administración poida controlar de forma exhaustiva, e tanto con carácter global como individual, os gastos dos carburantes dos vehículos”. 

PARQUE MÓBIL DE COCHES ELÉCTRICOS

Este gasto contrasta co anuncio realizado no verán polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, para renovar o seu parque móbil con vehículos de etiqueta medioambiental cero ou eco.  Segundo explicou o vicepresidente primeiro, esta iniciativa, que conta cun investimento de 6 millóns de euros, contempla a adquisición de 191 vehículos baixo a modalidade de leasing financeiro cun prazo de 48 meses.

 

“Optaremos por vehículos de carácter híbrido, híbrido conectable ou eléctrico, sempre que sexa compatible á utilización ao que sexa destinado o vehículo”, dixo, incidindo en que os obxectivos desta iniciativa serán os de aumentar a seguridade, reducir os gastos correntes en combustibles e reparacións, reducir as emisións e cubrir as necesidades de mobilidade que xeran os servizos da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta