Inmigración e dereitos humanos

Para facerlles un resumo en plan twitter dalgúns dos artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos referidos ao asunto da residencia, direilles que, simplificando moi moito e soltándoo en plan besta, como se fose un lanzador uniformado de pelotas de goma, calquera persoa ten dereito a vivir onde lle pete. Onde a súa santa vontade así o decida.

Por Francisco Castro | Vigo | 27/02/2014

Comparte esta noticia
E a tal Declaración, esa que os estados que se din civilizados asinaron no seu día e que vulneran sen parar, nada di de disparar cando a xente afoga. Eu creo que fala de asistir, axudar e, precisamente, de tratar con humanidade. Os fascismos e nazismos e fachería varia que agora, cal maldición bíblica volven agromar felices e poderosos, síntense fortes, impunes e lexitimados, entre outras cousas porque as chamadas Forzas de Seguridade do Estado non reciben orde concreta de pararlles os pés. Xa saben: son patriotas e, total, aos que agreden son estranxeiros, escuros, pobres, maricóns, separatistas ou mulleres. As ordes de exercer a violencia (algo así só pode facelo o estado) emítense para que se centren en quen non pode defenderse, en quen está máis desesperado e precisado de acubillo.
 
Gustaríame moito que os políticos de máis alto nivel deixasen de falar de fronteiras, medidas e normativas para explicarlle de verdade á xente cal é o motivo polo que se quere entrar noutro país aínda que sexa xogándose a vida. Estaría ben que alguén falase da miseria na que viven, na desesperación na que habitan, na indignidade na que soportan unha vida difícil de soportar. E, sobre todo, estaría moi ben que alguén explicase que a súa miseria, desesperación e indignidade está causada por nós, por este primeiro mundo que os explota e, ademáis, lles dispara para que afoguen.
 
Diso deberían falar todos eses afogados mentais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro