Adeus á emerxencia sanitaria en Galicia: residencias sen restricións e pubs abertos ata as 5

Os aforamentos serán do 100%, tamén no ocio nocturno, como xa se adiantou tras a reunión do comité clínico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que o Executivo autonómico deu luz verde, tras o aval do comité clínico, a levantar o estado de emerxencia sanitaria decretado en marzo de 2020. Tamén se autorizou recuperar o 100% dos aforamentos, ampliar os horarios en hostalaría e lecer nocturno, e o adeus ás medidas excepcionais que aínda rexían nas residencias de maiores.

Rueda confirmou estas decisións, xa avanzadas, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que presidiu o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen tivo que ausentarse posteriormente ao ter en Madrid unha reunión coa vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Segundo explicou, a decisión de declarar o fin da situación de emerxencia sanitaria adóptase á vista da boa evolución epidemiolóxica e do avanzado proceso de vacinación. A decisión farase efectiva o vindeiro sábado, 23 de outubro, ás 00,00 horas.

En concreto, Galicia rexistra unha incidencia acumulada a 7 e 14 días situada en 6,55 e 14,29 casos por 100.000 habitantes, moi por baixo da que rexistra o conxunto do país e a máis baixa de todas as comunidades. A porcentaxe de positividade está no 1,01% e a taxa de ocupación en hospitalización de agudos e críticos, por 100.000 habitantes, está en 0,93 e 0,19, respectivamente, sendo tamén moi favorable en comparación coa media estatal.

En todo caso, Rueda apelou á prudencia --insistiu nunha pregunta posterior sobre o variante 'delta plus'-- e a non baixar a garda, antes de anunciar que deixará de reunirse o cómité clínico, órgano de sanitarios que asesora á Xunta desde o principio da pandemia e que, ata agora, reuníase semanalmente.

Activado manterase, para ser convocado cando sexa preciso (podería selo para valorar, por exemplo, a retirada das máscaras nos recreos dos centros educativos), o subcomité clínico, un órgano máis reducido. Ademais, o vicepresidente defendeu que a Xunta dispón de ferramentas para actuar ante calquera empeoramento ou brote, encabezadas pola lei de saúde.

100% DOS AFORAMENTOS E HORARIOS MÁIS AMPLOS

Nesta conxuntura, no Consello da Xunta acordouse incrementar os aforamentos ata o 100% en practicamente todos os ámbitos que "dependen da Administración autonómica", segundo precisou Rueda, quen citou expresamente os albergues, antes de engadir, por exemplo, que no caso dos recintos deportivos hai determinadas normas que rexen por mandato estatal.

Este 100% dos aforamentos recuperarao tamén a hostalaría e o lecer nocturno, que, segundo confirmaron fontes do Goberno galego tras a rolda de prensa, tamén dirán adeus ás restricións nas barras que se mantiñan ata agora.

En todo caso, e Rueda resaltou que co apoio do propio sector, mantéñense os niveis de seguridade no lecer nocturno e na hostalaría. Así, solicitouse o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para seguir esixindo o certificado de vacinación, así como nos albergues, e non se descarta que se poida solicitar noutros ámbitos para, deste xeito, facilitar a volta á normalidade "coas máximas garantías".

Precisamente, aínda que Rueda remarcou que a vontade da Xunta é que o groso destas medidas que conducen cara á "nova normalidade" --aínda que salientou que seguirá sendo obrigatoria a máscara en espazos pechados e cando non se manteña a distancia de seguridade-- poidan entrar en vigor o sábado, o Executivo autonómico está pendente da resposta do TSXG.

Habería unha excepción no caso dos albergues, que a entrada en vigor do 100% de aforamento con certificado covid tería que esperar ao fin de semana seguinte, debido a que a autorización previa concedida polo alto tribunal galego para o aforamento do 75% cubría xa todo este mes.

E no que respecta aos horarios de hostalaría e lecer nocturno, tamén se amplían. En concreto, a hostalaría que traballa polo día --cafetarías, bares e restaurantes-- poderá abrir ata as 1,30 horas os venres e sábados, media hora máis que actualmente. No resto de días, a limitación horaria fíxase ata a 1.

No caso de pubs e salas de concertos, o peche será ás 4,30 horas os venres e sábados, e os restantes días da semana, ata as 4,00 horas. Mentres, as discotecas e salas de festas, poderán estender o seu horario ata as 5,00 horas todos os días da semana.

COMO ESTABA A SITUACIÓN EN HOSTALARÍA E LECER NOCTURNO?

Ata agora, no sector do lecer nocturno o interior estaba limitado ao 50% en interior e un máximo de 2.000 persoas no caso de menor seguridade (e 75% en exterior); mentres que nos establecementos en que se pide certificado covid estaba permitido o 75% de aforamento, terrazas ao 100% e abrir ata as 4 da madrugada (unha hora máis que o nivel anterior).

A hostalaría tamén estaba aberta en función dos niveis de seguridade que se decide nos establecementos. Nos de menores requisitos, o interior podíase ocupar ao 75% (máximo de dez persoas por grupo) e ao 90% en terrazas (máximo de 20 persoas).

No caso do segundo nivel, actualmente o aforamento era do 90% en interior (máximo 10 persoas) e 100% en terrazas (máximo 20 persoas); ademais podíanse usar de forma individual as barras, ata un máximo de dúas persoas que conviven ou que sexan 'burbulla' e con distancia de seguridade de 1,5 metros doutros usuarios.

A Xunta tamén tiña vixente un nivel de seguridade no caso de ter que activalo por unha situación epidemiolóxica de agravamento. Nese caso, pecharíase o interior ata un 30% da súa capacidade e un máximo de oito persoas por grupo, mentres que as terrazas quedarían ao 50%.

'NOVA NORMALIDADE' TAMÉN NAS RESIDENCIAS DE MAIORES

Roda tamén subliñou que se levantan as medidas excepcionais que aínda se mantiñan en vigor nas residencias sociosanitarias. Deste xeito, todos os residentes poderán saír como facían antes da pandemia e tamén se recuperan as visitas nos termos prvios, aínda que "gardando sempre as precaucións" e mantendo a cita previa.

Ademais, continuarase cos cribados periódicos aos profesionais que traballan nestes centros. Finalmente, na reunión deste xoves, o Goberno galego autorizou tamén destinar 5,2 millóns de euros para combater a covid-19 nos centros sanitarios de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e a de Santiago e O Barbanza.

Feijóo preside a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo preside a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta