Así se beneficia Galicia do aeroporto portugués Sá Carneiro

Economistas afirman que o incremento de voos de baixo custo na cidade portuense contribuíu a aumentar a chegada de turistas internacionais e peregrinos a Galicia. Os beneficios son millonarios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Catro aeroportos nunha liña norte-sur duns 300 quilómetros, entre A Coruña e Porto, dan cobertura aérea a unha poboación de 6,4 millóns de habitantes, os residentes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A guerra dos aeroportos aquí levou a unha competencia fratricida, non só entre Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña –marcada polo populismo localista dos que gobernan–, tamén co veciño aeroporto Francisco Sá Carneiro, que se converteu, paradoxalmente –ou non–, nunha fonte de riqueza para Galicia.

Aeroporto Sá Carneiro, no Porto
Aeroporto Sá Carneiro, no Porto

Economistas das universidades de Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro afirman que o crecemento de conexións de compañías de baixo custo no aeroporto portugués contribuíu a aumentar a chegada de turistas internacionais a Galicia. E ese crecemento de turistas internacionais para o territorio galego mellorou, á vez, o atractivo do Porto para incrementar a capacidade operativa das compañías aéreas de baixo custo (low cost). Esta é unha das principais conclusións dunha investigación realizada por Manuel González Gómez e Xerardo Pereiro.

O número de turistas e peregrinos internacionais en Galicia creceu máis nos últimos anos que o de visitantes do resto do Estado

Na súa investigación sobre o impacto do crecemento das conexións de baixo custo no aeroporto veciño, os resultados tamén mostran que o fluxo de peregrinos do Camiño Portugués é o que máis medrou de todas as rutas xacobeas, o cal, din, “suxire un efecto positivo do aeroporto do Porto sobre este colectivo de visitantes, e viceversa, aumentando a peregrinación o atractivo deste aeroporto para garantir a rendibilidade/viabilidade das conexións aéreas”.

Os economistas analizaron datos entre os anos 2005 e 2019 (antes da pandemia de covid-19, cando se paralizaron as viaxes), un período no que o número de turistas na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal pasou de algo máis de catro millóns a case seis millóns de visitantes, e o número de peregrinos o creceu de menos de cen mil a case 350.000.

“Tanto os peregrinos coma os turistas estranxeiros que visitan Galicia mostran un maior crecemento que os mesmos colectivos residentes en España durante o período de análise 2005-2019”, apuntan os autores do estudo.

E se ben “os turistas do resto do Estado español son, con diferenza, o principal grupo segmento de procedencia de turistas a Galicia”, ese colectivo “sufriu unha maior caída de demanda asociada ás crises económicas de 2009 e de 2012 que o resto”; porén “o fluxo de peregrinos non se ve afectado polas crises”, expoñen.

O colectivo con maior crecemento é o de peregrinos estranxeiros, que se duplicou aproximadamente cada seis anos no período de estudo. “Medra o fluxo de peregrinos internacionais, e moi especialmente os do Camiño Portugués”, destacan os economistas, que subliñan que esta ruta xacobea polo sur “medrou máis do dobre do total de peregrinos e practicamente o dobre dos peregrinos estranxeiros”.

A cidade do Porto pasou de ser lugar de saída do 5% de peregrinos do Camiño Portugués en 2005, a selo do 40% en 2019

Tamén apuntan que o crecemento de peregrinos que parten de Portugal é moito maior que o crecemento de persoas que fan o Camiño e son residentes no país luso. E entre os principais puntos de partida da ruta xacobea, sinalan que Porto pasou de ser lugar de saída do 5% de peregrinos do Camiño Portugués en 2005, a selo do 40% en 2019. E á par, Porto tamén incrementou o seu peso no conxunto de rutas do Camiño de Santiago, pasando do 0,8% en 2005 ao 11% en 2019.

Máis datos: as primeiras vilas galegas na ruta Xacobea –A Guarda, Baiona, Oia, O Porriño e Tui–, no Baixo Miño, aumentaron a súa participación no conxunto de puntos de inicio de todos os peregrinos, pasando do 2,7% en 2005 ao 7,9% en 2018.

“Os incrementos da participación relativa do Camiño Portugués no total de rutas xacobeas e das poboacións do Norte de Portugal e do Baixo Miño pontevedrés como punto de partida reflicten o crecente papel do aeroporto do Porto para transportar peregrinos, suxerindo a existencia dun efecto positivo das conexións aéreas sobre os fluxos de peregrinos”, argúen González e Pereiro.

Os economistas afirman, cos seus modelos, ter atopado unha causalidade entre o incremento de pasaxeiros de compañías de baixo custo en Porto e o crecemento das visitas internacionais a Galicia, á vez que “o fluxo de turistas a Galicia serviu de atractivo para aumentar a presenza de aeroliñas de baixo custo no aeroporto portuense, achegando demanda de voos para, deste xeito, poder desenvolver unha expansión en rutas, en frecuencias e/ou en capacidades das aeroliñas de baixo custo, ao aumentar a probabilidade de ser rendibles/viables”, explican.

En definitiva, Galicia e Norte de Portugal, co aeroporto Sá Carneiro como conector, experimentan o que algúns chamarían unha relación de win-win, na que as dúas partes gañan.

MÁIS EVIDENCIAS

A pelexa por atraer máis compañías, voos e pasaxeiros levou a cada quen a ampliar e/ou modernizar as súas instalacións e a abrir as súas pistas a toda unha variedade de compañías de baixo custo como estratexia comercial, sen artellar un plan conxunto acorde co marco económico e social da Eurorrexión. Nesa batalla por conquistar os ceos, semella obvio que Sá Carneiro vai gañando aos aeroportos galegos.

Noutro estudo publicado en 2019, asinado tamén por Manuel González Gómez canda os seus compañeiros de Economía da Universidade de Vigo Marcos Álvarez Díaz e María Soledad Otero Giráldez, os expertos destacaban xa que Sá Carneiro estaba xerando unha media de entre 1,4 e 2 millóns de euros mensuais para Galicia polo impacto do turismo que aterra con compañías de baixo custo.

O aeroporto do Porto xera entre 1,4 e 2 millóns de euros ao mes para Galicia pola chegada de turistas en voos baratos 

Os datos oficiais indican que a terminal portuguesa absorbía xa o 70 % dos pasaxeiros que transitan polas terminais do noroeste peninsular, dando servizo en 2018 a case 12 millóns de viaxeiros, fronte aos 5,2 millóns que sumaron os aeroportos de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña (menos da metade que o luso). Segundos os datos do aeroporto portuense, aproximadamente o 12 % dos seus pasaxeiros son residentes en Galicia.

Os principais achados do estudo eran que “o número de pasaxeiros internacionais de aeroliñas de baixo custo ten unha influencia positiva no número de noites que pasan os hóspedes internacionais en hoteis e establecementos similares” e que “a media mensual das inxeccións de diñeiro na economía é de 3 a 4,1 millóns de euros para o norte de Portugal e entre 1,4 e 2 millóns de euros para Galicia”.

A importancia da chegada de aeroliñas de baixo custo non é nimia para a economía local. Sá Carneiro sustentou o seu progresivo crecemento nos últimos anos na atracción deste tipo de compañías, para ampliar a oferta e o tráfico de pasaxeiros; unha estratexia que tivo un efecto seductor en grandes compañías emblemáticas como Lufthansa, United Airlines, British Airways, KLM o Air France, atraídas pola capacidade do Porto para mover viaxeiros.

“O aumento da participación no mercado das liñas de baixo custo é un feito para moitos aeroportos e, en particular, para o do Porto”, onde “desempeñaron un papel clave no aumento do número de pasaxeiros”, explican os economistas da Universidade de Vigo.

Calcúlase que estas compañías acaparan en Sá Carneiro aproximadamente dous terzos dos pasaxeiros internacionais, que representan máis da metade do tráfico de pasaxeiros deste aeroporto.

Os economistas defenden que o auxe de liñas de baixo custo en rexións marcadas pola diáspora e o turismo saínte é positivo

Os datos contradín as hipóteses que cuestionan o impacto positivo do auxe de liñas de baixo custo en rexións marcadas pola diáspora e o turismo saínte: “Malia a gran diáspora (o 23,4% dos residentes estranxeiros que utilizan o transporte aéreo son portugueses ou os seus descendentes), a proporción do tráfico de parentes e amigos no aeroporto do Porto (20%) e os turistas que chegan por aire que utilizan aloxamento privado gratuíto e unha segunda residencia, os resultados mostran un efecto estatisticamente significativo positivo do número de pasaxeiros de liñas de baixo custo nas noites que pasan os turistas internacionais en hoteis e establecementos similares” do norte de Portugal.

Por outro lado, “os resultados tamén mostran un efecto positivo do número de pasaxeiros de liñas de baixo custo nas noites que pasan os turistas internacionais en hoteis e establecementos similares” de Galicia, especialmente en Vigo.

AS CLAVES DO PORTO

Os autores do estudo sinalan varias claves para explicar o éxito do aeroporto Sá Carneiro. En primeiro lugar, apuntan aos subsidios públicos e a promoción de rutas, o que permitiu que Porto pasase de menos de 3 millóns de pasaxeiros en 2005 a máis de 9,4 millóns en 2016 e case 12 millóns en 2018 (só entre 2005 e 2016, o tráfico de pasaxeiros de liñas de baixo custo aumentou en máis de 6 millóns).

En segundo lugar, “estes incentivos públicos xeraron un debate social e académico sobre a súa eficiencia en termos de promover o crecemento económico e, máis especificamente, xerar ingresos por turismo”.

Aproximadamente o 20% do tráfico que moven as liñas de baixo custo en Porto é de familiares e amigos de residentes en Portugal e Galicia

En terceiro lugar, o norte de Portugal e Galicia teñen unha considerable poboación na diáspora: calcúlase que aproximadamente son 1,7 millóns de portugueses e medio millónde galegos os que viven no estranxeiro. A maioría deles viven en Europa Central e do Norte (Bélxica, Francia, Holanda, Alemaña, Luxemburgo, Suíza e o Reino Unido), que son os principais mercados turísticos internacionais da Península Ibérica e do aeroporto do Porto.

En cuarto lugar, os economistas sinalan que aproximadamente o 20% do tráfico que moven as liñas de baixo custo en Porto é de familiares e amigos de residentes en Portugal e Galicia.

Por último, subliñan que os aloxamentos privados gratuítos e as segundas residencias representan o 50,3% dos aloxamentos utilizados polos turistas internacionais de entrada a Portugal e os cidadáns portugueses ou os seus descendentes que viven no estranxeiro representan o 23,4% dos residentes estranxeiros que visitan Portugal utilizando o transporte aéreo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta