“Non hai probas de que os alimentos de orixe animal sexan vía de transmisión do coronavirus SARS-CoV-2”

Investigadores de Galicia, Brasil e Estados Unidos descartan posibles contaxios polo consumo, pero advirten de que “os efectos adversos da pandemia sobre a cadea de subministración de alimentos probablemente seguirán ocorrendo nos próximos anos”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/10/2021 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) recoñeceu que a pandemia de covid-19, e os seus efectos socioeconómicos derivados da crise sanitaria, tivo tamén un impacto na cadea de subministración de alimentos que implica a produtores, consumidores, insumos agrícolas e pesqueiros, procesado e almacenamento, transporte e comercialización, etc.

Mercado de comida
Mercado de comida | Fonte: EP.

Neste contexto, a Comisión Europea deseñou o que se coñece como a estratexia “Da granxa á mesa”, dentro do chamado Pacto Verde Europeo,  que inclúe o desenvolvemento dun plan de continxencia alimentaria da Unión Europea (UE) en caso de crises futuras. Esta é unha necesidade que se puxo de manifesto claramente coa aparición da infección causada polo  SARS-CoV-2. Precisamente sobre a base das leccións aprendidas desta pandemia de covid-19 e outros eventos recentes, a Comisión Europea  planea desenvolveu un conxunto de procedementos a seguir en tempos de crises.

Entre estes procedementos destaca o establecemento dun mecanismo de resposta a crise da UE para prepararse e responder de maneira eficaz a eventos que puidesen ameazar tanto a subministración como a seguridade alimentaria nos países comunitarios.

Ese plan de continxencia inclúe a creación dun mecanismo de coordinación das accións dos Estados membros e da Comisión para prepararse e responder á especial situación dese momento. Esta coordinación lógrase mellor a nivel da UE, pois a actuación independente dos Estados membros, por si sós, pode dar lugar a accións que ter efectos negativos noutros Estados membros e no funcionamento da cadea de subministración de alimentos da UE, incluído o mercado único e comercio internacional.

“A pandemia ameaza a accesibilidade aos alimentos, especialmente para as persoas vulnerables"

A pandemia de covid-19 supuxo, polo tanto, unha aprendizaxe acelerada sobre seguridade alimentaria e subministro de alimentos nun contexto de crise global sen precedentes. Nese marco, un equipo de científicos adscritos a organismos de Galicia, Brasil e Estados Unidos analiza como a pandemia comprometeu “significativamente” a seguridade alimentaria e a cadea de subministración.

“A pandemia ameaza a accesibilidade aos alimentos, especialmente para as persoas vulnerables, a través dos seus efectos sobre o custo dos alimentos e as infraestruturas, a súa distribución e o acceso ao transporte, e as desigualdades sociais”, introducen estes expertos, que avisan de que “os efectos adversos sobre a cadea de subministración de alimentos son evidentes e probablemente seguirán ocorrendo varios anos despois de que remate a pandemia”.

Nesta liña, apuntan, “a pandemia subliñou a importancia dun sistema alimentario robusto e resistente, que presenta un reto sen precedentes para as autoridades competentes nos próximos anos”.

Os expertos queren tamén tranquilizar a poboación: “Non hai probas que suxiran que os alimentos de orixe animal e derivados sexan unha fonte ou vía de transmisión do SARS-CoV-2”.

A SEGURIDADE ALIMENTARIA, AFECTADA POLA PANDEMIA

Como recollen estes expertos, antes da pandemia, a Organización Mundial da Saúde (OMS) estimaba que había 600 millóns de casos de enfermidades transmitidas polos alimentos asociados a alimentos contaminados cada ano, o que provocaba 420.000 mortes. Con todo, insisten, no caso desta pandemia “cómpre ter en conta que actualmente non hai evidencia baseada cientificamente que suxira que os alimentos poden ser un vector para a transmisión do SARS-CoV-2”.

“A pandemia de covid-19 afectou directa e gravemente a produción de alimentos e, á súa vez, a seguridade alimentaria"

Por outro lado, destacan que “a medida que avanzaba a pandemia covid-19, a implementación de regulamentos obrigatorios de illamento e distanciamento social (é dicir, restricións, bloqueos, toques de queda, corentenas, etc.), que se requirían para conter e limitar a propagación do virus, creou unha crise na seguridade alimentaria”.

E detallan: “A pandemia de covid-19 afectou directa e gravemente a produción de alimentos e, á súa vez, a seguridade alimentaria. Os catro piares da seguridade alimentaria, que son dispoñibilidade (subministración de alimentos), accesibilidade (necesidade fronte a dispoñibilidade de alimentos), consumo (inxestión suficiente de nutrientes necesarios) e estabilidade (acceso consistente a comida), foron todos afectados pola pandemia de covid-19”.

DIETA MÁIS SAUDABLE

Algo positivo que se pode extraer é que esta pandemia modificou os patróns de consumo e os comportamentos dietéticos das persoas. Como exemplo, os científico resaltan como individuos con obesidade experimentaron síntomas clínicos de SARS-CoV-2 máis graves e teñen un maior risco de mortalidade unha vez infectados, o cal concienciou a moita xente. Como sinalan, a pandemia tamén sensibilizou a moitas persoas sobre a importancia de fortalecer o sistema inmunitario cunha alimentación sa.

Os expertos recollen estudos que indican que durante o período de pandemia, a disposición das persoas a adoptar hábitos máis saudables depende do país, da clase social e do produto alimenticio.

En España, durante a pandemia, “a poboación adulta incorporou comportamentos dietéticos máis saudables"

Destacan o caso de España, onde “a poboación adulta incorporou comportamentos dietéticos máis saudables, baseados nos principios da dieta mediterránea”.

En contraposición poñen o caso de Polonia, onde se observou unha tendencia, cunha diminución do consumo de froitas, legumes e verduras, mentres que os petiscos, a inxestión de bebidas alcohólicas e o consumo de tabaco aumentaron.

En canto á clase social, argúen que “a pandemia deixou claro que o acceso limitado aos servizos para sectores marxinados da poboación fai que moitos individuos teñan acceso limitado a alimentos frescos, saudables e accesibles”. E, “certamente, as situacións actuais para as poboacións vulnerables foron agravadas pola pandemia de covid-19 (por exemplo, peches de escolas, menos servizos de entrega gratuíta de alimentos, peche de empresas e perda de emprego) e as desigualdades sociais aumentaron a niveis moi superiores aos vistos antes”, lamentan.

En canto aos factores históricos e socioculturais, afirman que “teñen unha relevancia significativa”. Para eles, “cómpre ter en conta que o sueste asiático leva moitos anos identificado como un "punto de comercio de animais salvaxes" (que se remonta á época prehistórica en China), onde se percibe que a carne de caza salvaxe ten un alto valor medicinal baseado en supersticións e razóns filosóficas; en China, por exemplo, crese que a carne de pangolín axuda a aliviar o reumatismo, promove a circulación sanguínea, elimina a irascibilidade e mellora a vista, entre outros efectos que promoven a saúde; estes factores culturais fan difícil a implantación xeneralizada de novos sistemas de seguridade alimentaria”, expoñen os expertos.

TRANSMISIÓN ALIMENTARIA DO VIRUS?

Sobre as posibles vías de transmisión do SARS-CoV-2 por alimentos, destacan que aínda que o coronavirus podería chegar a produtos alimenticios frescos ou aos seus envases por unha persoa infectada que esbirra ou tusa directamente neles, os alimentos non son unha fonte directa para a transmisión de SARS-Cov-2.

“É moi improbable que se poida contraer o SARS-CoV-2 a través de alimentos ou envases”

“É moi improbable que as persoas poidan contraer o SARS-CoV-2 a través de alimentos ou envases”, aseguran estes expertos, sustentándose na evidencia científica acumulada até agora, con este coronavirus e con outros previos, como o SARS-CoV-1 e o MERS-CoV.

E hai que ter en conta, ademais, as extraordinarias medidas preventivas ás que se tivo que someter a industria alimentaria por mor desta pandemia, engadidas ás moitas medidas de seguridade xa establecidas previamente.

Estes autores descartan, ademais, alarmar sobre o consumo de animais. Como explican, “a pesar da hipótese de que o SARS-CoV-2 puido orixinarse en morcegos e infectar a outros animais antes de contaxiar aos seres humanos mediante o consumo de produtos alimenticios de orixe animal, non hai evidencias de transmisión continua do virus dos animais aos humanos a través da cadea alimentaria”.

Destacan, ademais, que “non hai evidencias de que o SARS-CoV-2 poida ser transmitido aos humanos por animais domésticos produtores de alimentos (por exemplo, aves, porcos, gando, camelos, cabalos, ovellas, cabras, coellos ou peixes)”.

En definitiva, consideran seguro o sistema de produción de alimentos de orixe animal, destacando as “boas prácticas de hixiene durante a manipulación e preparación dos alimentos”.

Para tranquilidade da poboación, subliñan que, por exemplo, o consumo de carne cocida (de orixe doméstica ou silvestre), ovos e leite de gando san non se considera un factor de risco para a infección por SARS-CoV-2 , pois “as temperaturas normais de cocción de carne e ovos (70 °C) ou o proceso de pasteurización do leite (63 °C durante polo menos 30 minutos) son métodos eficaces para inactivar o virus”.

Ademais, engaden, “comprobouse que a transmisión de SARS-CoV-2 a través do leite é improbable, xa que os coronavirus non se poden transmitir desde vacas alimentadas con pensos contaminados”.

Si recoñecen que existe a posibilidade de infección “se se toca a comida pouco despois da contaminación e o virus se transmite indirectamente ás membranas mucosas”.

O Banco Mundial avisou de que “cada vez máis países se enfrontan a crecentes niveis de inseguridade alimentaria grave"

Con base en toda a evidencia científica revisada, xa que os alimentos non estiveron implicados na circulación do coronavirus, “non é necesario realizar probas continuas de alimentos ou superficies de alimentos para SARS-CoV-2”.

Este traballo de revisión científica está asinado por expertos do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) de Galicia, o Servizo de Gandaría da Xunta de Galicia, a Universidade do Estado de Santa Catarina (Brasil) e a Universidade Estatal de Ohio (Estados Unidos).

UNHA ALERTA GLOBAL

Non só os estudos revisados, a FAO ou a OMS alertan de que a seguridade alimentaria foi comprometida. O Banco Mundial, por exemplo, avisou hai dous meses de que “cada vez máis países se enfrontan a crecentes niveis de inseguridade alimentaria grave, que botan por terra anos de avances de desenvolvemento”.

Segundo este organismo, “a covid-19 ocasionou incrementos graves e xeneralizados da inseguridade alimentaria mundial que afectaron aos fogares vulnerables de case todos os países”. E “prevese que os impactos se seguirán observando no que resta de 2021, en 2022 e, posiblemente, en anos posteriores”, avisan tamén desde este organismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta