Galicia ten 7.340 empresas exportadoras, 1.670 máis que en 2020

As exportacións galegas superan nun 3% o rexistro de 2018, e nun 6,4% o de 2019.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/10/2021 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Galicia alcanza as 7.340 empresas exportadoras nos oito primeiros meses do ano, o que supón 1.670 máis (+29,5%) que en 2020 e 1.620 máis (+28,3%) que en 2019, segundo datos do Goberno galego.

Sección de ferraxe na planta do grupo Stellantis (antiga PSA) en Vigo
Sección de ferraxe na planta do grupo Stellantis (antiga PSA) en Vigo | Fonte: Víctor Cameselle - Europa Press.

Esta semana xa se publicaron os datos das exportacións galegas en agosto, que subiron un 20,5% en comparación cun ano antes, ata 1.852,23 millóns de euros. No acumulado entre xaneiro e agosto esa repunta é do 22,9% (14.929,66 millóns).

Agora, a Consellería de Economía destaca que eses datos dos oitos primeiros meses supoñen "unha marca histórica" nese período.

Deste xeito, as exportacións galegas superan nun 3% o rexistro do 2018, e nun 6,4% o do 2019, os mellores anos ata agora.

Estas cifras permiten a Galicia manter en positivo a balanza comercial, que arroxa un superávit por sexto mes consecutivo, cun total acumulado de máis de 2.328 millóns entre xaneiro e agosto.

No tocante ás industrias, a automoción segue mostrando cifras positivas no acumulado do ano, cunha cifra marca que supera os 4.463 millóns. O téxtil crece un 13,6% e o sector agroalimentario, un 8,3%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta