Avelaíña do buxo; a especie que pode deixar Galicia sen gaitas

A Cydalima perspectalis, coñecida co nome de avelaíña do buxo, é un insecto invasor cuxo alimento son as follas dos arbustos da familia buxus. Esta avelaíña é propia do Leste de Asia onde abundan plantas que son a súa fonte de alimento. O comercio internacional e a falta de controis sufcientes foron as causas polas que entrou en Europa.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/10/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A hipótese sobre a chegada da avelaíña do buxo ten detrás o comercio globalizado. As primeiras noticias chegaron de Alemaña a onde arribaran plantas importadas de Asia e algunhas delas estaban infectadas cos ovos desta especie. As plantas eran para uso ornamental e unha vez repartidas polo Espazo Schengen, foi moi doado que a nova especie invasora traspasase fronteiras. O mesmo que as velutinas, para os expertos, esta especie chegou para quedar. O combate contra este insecto é moi difícil pois presenta características nas súas pupas capaces de resistir o uso de elementos químicos para combatela.

Avelaíña do Buxo
Avelaíña do Buxo | Fonte: wikipedia

ORIXES E CHEGADA

A Cydalima perspectalis é orixinaria de Asia, desde a parte asiática de Rusia até a India. No seu hábitat natural consome follas de plantas do xénero buxus endémicas destas áreas. As primeiras observacións en Europa datan de entre 2006 e 2007 en Alemaña. Desde este país estendeuse por Centroeuropa. Con todo, a bióloga Laura Torrado asegura que os estudos feitos non aclararon cal foi o punto e o medio polo que puido chegar a Europa.

Pola súa parte, a tamén bióloga Rosa Pérez Otero, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro en Pontevedra, sinala que “as primeiras observacións en Galicia foron a finais do verán de 2014”. O máis probable é que chegase en plantas ornamentais desde Asia introducidas en contedores que non pasaran controis fitosanitarios nos portos de saída. “Esta praga, como todas as que veñen do leste de Asia veu para quedar” apunta Pérez Otero.

A preocupación en Europa radica en que só está afectando á especie buxus sempervirens, o buxo común europeo. En Galicia é frecuente en áreas máis secas e formando parte de hátitas de monte baixo. A preocupación agora mesmo, segundo apunta Laura Torrado é “que se expande cara o sur de Europa e pode afectar a expecies como a buxus baleárica endémica das Baleares e algunhas áreas do Mediterráneo”.

DANOS NO BUXO

O buxo é a madeira tradicional para certos traballos de ebanistería e tamén para a fabricación de gaitas. Este detalle podería alertar aos luthiers ou artesáns dedicados á fabricación deste instrumento. Con todo, Rosa Pérez, preguntada se a poboación de buxo en Galicia está en perigo, asegura que “aquí en Galicia non hai un grande perigo, o que tamén se debe controlar é o fungo Cylindrocladium buxicola”.

Os vermes desta avelaíña, as eirugas, comen as follas aínda que poden darse casos de afectar a coda da árbore e por aí poden entrar os fungos” que logo poden acabar co buxo, segundo Laura Torrado. En concreto, o Cylindrocladium buxicola, debe combaterse con funxicidas mais tamén coa retirada das follas afectadas tanto na árbore como as depositadas no chan, pois poden esparexer as esporas e crear unha maior afectación.

E como combater a avelaíña? Poden usarse os biopesticidas habituais, tamén se coñecen parásitos habituais desta avelaíña, aínda que non se ten constancia de afectárenlles moito” di Torrado. En tal caso, o parásito tamén sería unha especie invasora se se trouxese para Europa. A cuestión é que os biocidas que se usan normalmente son de contacto e “as eirugas dentro dos seus niños non entran en contacto coa substancia insecticida porque os casulos son de fíos de seda moi dura e logo cubertos polas follas da árbore” di Pérez Otero.

A mellor maneira é aplicar unha presión maior en canto se aplique o biocida, é dicir, non serve un aparello normal para desinfectar as plantas, debe aplicarse con moita forza por toda a árbore”, destaca Pérez Otero. Outra forma de combater a avelaíña do buxo é o uso de trampas con feromonas. Isto reduce a posibilidade de reprodución da especie.

“En Europa observouse como algúns paxaros cazaban estes insectos, mais ao final non os comían” di Laura Torrado. Descoñécese o motivo, aínda que é probable que os insectos invasores non teñan as cualidades dos insectos autóctonos para seren consumidos por aves insectívoras de Europa.

As áreas máis afectadas en Galicia son aquelas con buxos ornamentais, pequenas áreas de buxo bravo, sobre todo nas áreas máis solleiras e secas. Por outra parte, as áreas máis afectadas dentro da Península Ibérica son os montes de buxo en Girona, na comarca de La Garrocha, onde si se deixou sentir con forza a avelaíña asiática. Polo de agora, a aplicación de insecticidas a altas presións e as trampas de feromonas parecen ser os únicos freos contra esta especie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta