O presidente de Monbus defende a aposta polo bus como transporte terrestre "máis ecolóxico" e pide apoio á Xunta

Demanda que a Administración apoie con máis intensidade ao transporte público "porque conecta e vertebra".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/10/2021 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

O presidete de Monbus, Raúl López realizou este venres unha acesa defensa do sector do transporte de viaxeiros en autobús durante a súa intervención nun encontro organizado por Foro Empresa Pontevedra que se desenvolveu no hotel Galicia Palace."É o transporte máis económico e accesible, desconxestiona o tráfico, é o medio por estrada máis seguro e é a clave para o futuro da mobilidade sustentable", resaltou.

Segundo informa nun comunicado, ante medio centenar de empresarios e profesionais, López protagonizou un relatorio que, baixo o título de 'Pasado, presente e futuro do transporte en Galicia', abarcou desde o xerme da súa compañía, co traslado a feiras e mercados nunha camioneta a comezos da Guerra Civil, ata a profunda reordenación da rede que supuxo a implantación do actual Plan de Transporte de Galicia.

Sobre o Plan de Transporte de Galicia, destacou o esforzo e traballo do equipo de profesionais da súa compañía para facerse coa adxudicación de importantes corredores estratéxicos na comunidade.O Plan, segundo apuntou, permitiu o establecemento de novas liñas e un aumento de servizos, a integración de distintos modelos de transporte (transporte compartido, VTC, taxis), a aparición do transporte a demanda na área rural e unha moi importante reformulación do mapa tarifario que están a agradecer os usuarios.

ESFORZO DURANTE A PANDEMIA

O empresario lucense describiu o esforzo que o sector tivo que realizar durante a pandemia do covid-19, cando "evidenciou con máis forza que nunca a súa condición de elemento esencial na sociedade de hoxe".

Lembrou o papel do autobús para facilitar o acceso aos seus postos de moitos traballadores sanitarios e doutros servizos esenciais, e situouno como "unha peza crave" na nova normalidade e para a recuperación económica.Tamén pediu que a Administración apoie con máis intensidade ao transporte público "porque conecta e vertebra" e reclamou unha campaña de promoción como medio "seguro e rendible".

INTERMODALIDADE

Sobre o futuro, apostou pola intermodalidade, dirixíndose cara á configuración dunha "rede sincronizada" de todo tipo de transporte, e por converter ao autobús na icona da mobilidade sustentable.

Neste sentido, incidiu en que se trata do medio de transporte terrestre con menores emisións de dióxido de carbono por pasaxeiro/km e considerou esencial avanzar cara á renovación da frota "de cero ou baixas emisións".

"En Monbus xa o estamos facendo e o mellor exemplo é o servizo de Aerobús de Barcelona, que conecta a cidade co Aeroporto do Prat e no que a totalidade da frota é híbrida ou eléctrica", concluíu.

Raúl López, presidente de Monbus.. FORO EMPRESA
Raúl López, presidente de Monbus.. FORO EMPRESA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta