A campaña electoral de Caballero e Formoso enlámase na última semana

Caballero cre que o seu rival utilizou en campaña "certos argumentarios" que "parecían máis próximos" ao popular Tellado que ao PSOE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O candidato a revalidar a Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao seu rival nas primarias socialistas, Valentín González Formoso, de tratar de "aprazar o debate", que finalmente se celebrará ao redor das 23 horas deste mércores, día 27 de outubro, na sede do PSdeG e retransmitirase por streaming.

En declaracións aos medios este martes no Parlamento de Galicia, o dirixente socialista criticou que "ao outro candidato" lle custara "asumir que tiña que haber debates" e comparouno co PP, algo que non gustou entre os afíns a Formoso. De feito, o debate quentou o tramo final da campaña electoral.

"Non aceptou a data inicial, que era para o luns, e tentou aprazalo cun certo escapismo", asegurou para incidir en que, finalmente, "mañá terá que haber un debate" ao que se mostrou "encantado de acudir" para presentar o seu proxecto "de esquerdas e galeguista", que "conta coa forza da militancia".

Na súa intervención, Caballero sostivo que a comisión organizadora do XIV Congreso do PSdeG acabou marcando este mércores como "data definitiva" porque "daba a impresión de que o outro candidato estaba nunha xogada de escapar e non asumir a necesidade dos debates".

Neste sentido, criticou que Formoso repetiu "certos argumentarios" que "parecían máis próximos" ao secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que ao Partido Socialista. "Escoitei ao outro candidato facer declaracións que eran idénticas ás que fixo Tellado en moitas ocasións e póñoo en coñecemento do partido", incidiu.

Ademais, criticou que rexeite acudir a máis debates que o organizado polo propio partido, unha "escusa barata" que atribúe ao feito de que "está nunha posición máis débil na que parte do seu discurso contradí os seus feitos", apuntou.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en declaracións aos medios
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en declaracións aos medios | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta