Denuncian que a Xunta emprega fondos públicos para "manipular" en favor do eucalipto nas escolas

ADEGA asegura que a Vicepresidencia Segunda estaría financiando charlas do "lobby" madereiro en colexios galegos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O tema do eucalipto volve vibrar na axenda da actualidade galega despois de que entrara en vigor a revisión do plan forestal co que a Xunta prevé reducir nun 5% a plantación desta especie invasora e pirófica de cara a 2040. A medida foi fortemente criticada por plataformas ecoloxistas a raíz dos seus tímidos obxectivos pero tamén porque, segundo denunciaron, o aprazamento da moratoria serviu de efecto chamada para a plantación da especie mentres aínda se podía. 

Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto en Candaido, A Fonsagrada, a 22 de abril de 2021, en Lugo, Galicia (España). A moratoria para a plantación de eucalipto entrará en vigor en maio, para acelerar estase pr. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto en Candaido, A Fonsagrada, a 22 de abril de 2021, en Lugo, Galicia (España). A moratoria para a plantación de eucalipto entrará en vigor en maio, para acelerar estase pr. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A polémica segue medrando, desta vez porque, segundo denuncia a Asociación Pola Defensa Ecolóxica de Galicia, a Xunta tería empregado fondos públicos para "manipular" os máis pequenos sobre as "bondades do eucalipto". A plataforma apúntao así a raíz dunha campaña en centos escolares que procuraría  “dar a coñecer o sector forestal galego”, ou, de acordo con ADEGA, "infundir entre os máis cativos e cativas unha opinión positiva sobre o eucalipto e as 'bondades' de cultivar especies invasoras no noso territorio".

Para indignación da asociación, a campaña contaría co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Vicepresidencia 2ª, Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, á fronte da cal se sitúa Francisco Conde, que xa nas semanas previas se situou reiteradamente en favor da implantación eólica en Galicia ou a prol da colaboración da Xunta con empresas privadas. 

KOALAS EN GALICIA

Os seminarios organizados pola Asociación de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo, que agrupa a 280 empresas do sector --"vencelladas maioritariamente co eucalipto", din dende Adega--, vén de enviar correos electrónicos a centros escolares para ofrecer unhas "charlas informativas en los colegios de infantil y primaria" co título "O sector forestal: tan próximo como descoñecido'”. Unha actividade que chega con Galicia "camiño de ter a cuarta parte do seu territorio afectado directamente por especies invasoras, nomeadamente eucalipto".

A plataforma que recibiría financiamento da Xunta de Galicia conta cunha serie de reclamos orientados aos máis pequenos, tales como un koala como mascota corporativa ou unha serie de probas que, tras ser superadas, cualificaría á rapazada como "Defensor do sector forestal". ADEGA critica que a asociación empresarial estea "aproveitando o aspecto bondadoso e tenro do koala para 'vender' aos nenos e nenas as supostas bondades de ter eucaliptos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta