Piden cárcere para o acusado de abusar sexualmente dunha nena en Oroso

As psicólogas forenses que entrevistaron á vítima ven "consistente" o seu relato. Os feitos terían sucedido en 2017.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2021 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

As psicólogas forenses que entrevistaron á nena que sufriu un suposto caso de abuso sexual en Oroso consideraron que o seu relato é "consistente" e que non puido ser "inducido" polos seus pais, xa que empregaba "unha linguaxe propia da súa idade", segundo declararon este xoves no xuízo celebrado na Audiencia Provincial da Coruña.

Os feitos terían ocorrido o 18 de agosto de 2017 no galiñeiro dunha casa situada en Oroso, na que se atopaba a nena co acusado. Segundo expresa o escrito da Fiscalía, "con intención de satisfacer os seus desexos lúbricos" e aproveitando a "curta idade" da vítima, baixoulle os pantalóns e a roupa interior e tocoulle a súa zona vaxinal.

O acusado negouse a declarar e a vítima foi representada pola súa nai. A proxenitora explicou que non era consciente dos feitos, aínda que "se estrañou" cando a pequena se negaba a que lle quitase a roupa. Os pais decatáronse do sucedido cando a dona da casa na que ocorreron os feitos, díxolles que atopou ao acusado "encima da nena" e que esta estaba "cos pantalóns baixados".

NEGA OS FEITOS

A propietaria da vivenda, que era amiga dos pais, negou na súa declaración o que supostamente contara aos proxenitores da vítima, e dixo que a nena "estaba normal". Despois do sucedido a muller non volveu deixar entrar na súa casa ao acusado, e alegou que tomou esta decisión porque había "rumores" de que o home tivera esa actitude con outras nenas.

O procesado, que segundo recolle o escrito da Fiscalía foi incapacitado xudicialmente en 2012 e que a súa tutela foi asumida pola Fundación Galega para a Tutela de Adultos (FUNGA), enfróntase a unha pena de cinco anos de cárcere, ademais de non poder achegarse á vítima durante 10 anos. En canto á responsabilidade civil, deberá indemnizar á vítima con 8.000 euros por danos morais.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta