A asemblea xeral de ELEN reitera a necesidade de que a UE actúe e protexa as linguas minorizadas

Reclaman que o galego sexa lingua vehicular e "igualdade de trato" na Lei do Audiovisual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2021 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A asemblea xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN) reclamou a derrogación do chamado 'decreto do Plurilingüismo' e que se garanta o galego como idioma vehicular en todas as etapas educativas. Ademais, solicitaron ao Goberno do Estado que exista "un tratamento igualitario" de todas as linguas cooficiais na nova Lei do Audiovisual.

A asemblea, que se celebra estes días no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, instou á Xunta e ao Goberno central a atender as esixencias do Consello de Europa nos seus informes sobre a falta de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Davyth Hicks, secretario xeral da entidade, e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e recentemente reelixido vicepresidente de ELEN, analizaron en rolda de prensa algunhas destas cuestións e as preocupacións da asemblea sobre a situación das linguas minoritarias en Europa, especialmente no caso de Galicia.

Hicks reivindicou que o obxectivo de ELEN é que os cidadáns poidan "vivir normalmente" no seu propio idioma, algo "que tamén se aplica Galicia", onde a lexislación actual "non se está implementando" do mesmo xeito que tampouco as recomendacións da Carta Europea das Linguas, algo "inaceptable" e "motivo de moita preocupación".

"O esencial é que a implementación da lexislación se faga xa desde a propia Galicia", considerou respecto diso, aínda que tamén se referiu ao interese de ELEN en seguir trasladando estas cuestións e a situación lingüística ás institucións europeas.

Neste sentido, recoñeceu que "un dos problemas" é a falta de poder da UE para actuar e protexer as linguas minoritarias, dado que son os estados quen posúen todas as competencias e "asegúranse de manter ese poder". "Levámolo tentando 20 anos", lembrou, co fin de que Europa "tome cartas no asunto", posto que os Gobernos contan con "impunidade para actuar" e "se queren destruír" un idioma "poden facelo".

"É certo que está a Carta, pero iso non se traduce en dereitos lingüísticos como tales", destacou, para despois apostar por implementar un sistema que "poida garantir" esta realidade e que inclúa un réxime sancionador por incumprimento.

DESDE GALICIA

En todo caso "o primeiro é que sexa Galicia", a propia Xunta, a que debe non só crear nova lexislación senón lograr "que se cumpra coa existente", insistiu, ante os casos de atentados contra a toponimia oficial que "expulsa á xente da súa terra e o seu propio patrimonio" ou as carencias "substanciais" que existen no audiovisual.

Marcos Maceira reiterou a necesidade de que o galego se sitúe como lingua vehicular, como di "o propio Consello de Europa", e que se garanta a "igualdade de condicións no audiovisual". "Non son demandas só da Mesa, senón de organizacións internacionais", reiterou para sinalar que, nun momento de cuestionamiento da democracia e dos avances de dereitos sociais, é importante a defensa das linguas para "reivindicar a pluralidade dos pobos" e da sociedade.

"Defender as linguas é defender a democracia, porque se defende a diversidade", insistiu.

NOVA PRESIDENTA

A asemblea xeral de ELEN reúne en Compostela a 35 delegados en representación de 47 idiomas de 24 Estados europeos.

Entre outras cuestións acordouse o nomeamento da galesa Elin Haf Gruffydd-Jones como nova presidenta da entidade.

Asemblea Xeral de ELEN. ANA MIRANDA (BNG)
Asemblea Xeral de ELEN. ANA MIRANDA (BNG) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta