Feijóo avisa: "Galicia podería superar os 400 casos Covid cada día a próxima semana"

Defende que volver pedir o certificado covid é "a mellor solución".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

O Goberno galego avaliará a posibilidade de adoptar novas medidas fronte a unha escalada de casos que, segundo recoñeceu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preocupa de forma "explícita" ao Executivo. Sobre a mesa está volver pedir o certificado covid "en toda a hostalaría" e eventos "masivos" en interiores, e implementar máis cribados.

Pendentes da reunión co sector hostaleiro, Feijóo defendeu que volver pedir ao certificado covid é "a mellor solución". A ampliación do uso deste documento requirirá a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que aínda ten que validar a esixencia do certificado nas visitas hospitalarias que decidiu activar a Xunta a pasada semana.

Na súa intervención, o presidente defendeu que "a foto fixa" na Comunidade "non é mala" desde o punto de vista comparativo con outras comunidades e o conxunto de España, pero remarcou que a evolución é "preocupante". "Os expertos apuntan a un aumento de casos que nos sitúan nunha nova onda do virus. (...) O modelo predictivo sinálanos que a próxima semana poderíanse superar os 400 casos cada día", aseverou.

Na súa intervención, incidiu en dotar, a nivel estatal, dun "respaldo legal" ao certificado covid, de forma que non haxa que acudir aos altos tribunais autonómicos cada vez que sexa preciso incrementar o seu uso. "Ou toda Europa está equivocada ou o está España", dixo Feijóo, quen lamentou que se "fíe todo" á vacinación.

"Eu acabo de estar en Bruxelas e non podía entrar en ningún sitio sen certificado covid", suliñou o presidente galego, antes de remarcar que, aínda que en España o índice de vacinación é maior que noutros países, "é evidente que os vacinados tamén se contaxian".

Un grupo de persoas charla na terraza dun local de hostalaría da Coruña. M. DYLAN / EUROPA PRESS / Europa Press
Un grupo de persoas charla na terraza dun local de hostalaría da Coruña. M. DYLAN / EUROPA PRESS / Europa Press

MEDIDAS A ESTUDO

Nesta conxuntura de aumento de casos, avogou por estar preparados e avanzou as medidas que o seu Goberno ten sobre a mesa, empezando por "aumentar os cribados" e, cando haxa unha elevada incidencia nun concello, por exemplo, recuperar os masivos con test de antíxenos. Todo iso complementado coas probas de saliva nas farmacias mentres se continúa secuenciando o virus co avance previsto, precisamente da variante 'delta plus'.

E ademais de lembrar que o certificado covid se esixe agora no lecer nocturno, albergues e está pedida autorización ao TSXG para as visitas hospitalarias, abordarase co sector a conveniencia de volver esixir o certificado covid "a toda a hostalaría", así como nos eventos con numerosos asistentes que se realicen en lugares pechados.

FONDO COVID

Finalmente, en relación á emenda que JxCat lograron introducir nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para activar un fondo covid para as autonomías, Feijóo advertiu que as emendas "hai que respectalas". Así mesmo, aínda que avogou pola "proporcionalidade" do fondo, lembrou que Galicia "sempre defendeu a posibilidade de que exista", polo que manifestou que espera que siga o seu trámite ata a ratificación definitiva.

Finalmente, na súa reunión deste xoves o Executivo autonómico analizou un informe polo que queda informado da contratación por trámite de emerxencia para a adquisición urxente de novo material covid na área sanitaria de Vigo durante os meses de xuño a setembro de 2021, por un importe que supera os 3 millóns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta