A Xunta prognostica un "duro golpe" á economía e competitividade de Galicia se se aplican peaxes en autovías

"A tarifa por quilómetro percorrido condénanos practicamente a desaparecer dos mercados europeos", advirte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/11/2021 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, prognosticou un "mazazo" na economía e a competitividade de Galicia se se aplican as peaxes ás autovías que o Goberno central pactou coa Unión Europea.

Circulación de vehículos na Coruña
Circulación de vehículos na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Durante o pleno do Parlamento de Galicia e como resposta a unha cuestión formulada polo grupo popular, a titular de Mobilidade recoñeceu que o Executivo autonómico está "moi preocupado" por como afectará esta decisión "unilateral" a Galicia, "nunha situación periférica e con gran dependencia das infraestruturas".

"A tarifa por quilómetro percorrido condénanos practicamente a desaparecer dos mercados europeos, mentres se favorece a outros que están máis preto, como Cataluña ou País Vasco. Igual era iso o que querían. Véndese como unha medida de equilibrio territorial, o que é incomprensible e inaceptable. Desincentiva o asentamento de industrias e empresas en Galicia", asegurou a conselleira, que engadiu ademais que terá un impacto na seguridade viaria, ao aumentar o tráfico por estradas convencionais.

Vázquez afeou tamén ao Goberno central a falta de diálogo e de "talante", posto que asegurou que as Comunidades non contan "con ningún tipo de información". "Fíxose pola porta de atrás. Sorpréndenos que se comprometese coa UE sen informar nin ás rexións nin aos españois", sinalou.

Para a conselleira, "por lealdade institucional", debería informarse dunha medida "de tanto calado", por exemplo, nas conferencias sectoriais de transporte.

Por último, a titular do departamento autonómico mostrouse "preocupada" polo inoportuno da medida, "coa luz e os carburantes polas nubes", así como pola "ocorrencia" do Executivo socialista de establecer 'peaxes urbanas' para entrar nas cidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta