O foro 100xCiencia reivindica o valor da investigación universitaria e a comunicación científica

As xornadas foron inauguradas este venres en Santiago polo conselleiro de Cultura, o reitor da USC e a presidenta do SOMMA.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 26/11/2021 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A quinta edición do foro 100xCiencia arrincou este venres en Santiago de Compostela co obxectivo de traballar na divulgación e comunicación da investigación universitaria e a transferencia do coñecemento á sociedade, así como destacar a importancia da colaboración internacional en ciencia como "elemento crave" para afrontar "os retos do futuro".

O congreso, que se desenvolverá entre o 26 e o 27 de novembro, organízano conxuntamente o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro conxunto da Univesidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, e o SOMMA, os Centros 'Severo Ochoa' e as Unidades 'María de Maeztu' da Alianza de Excelencia.

Tras cancelar a reunión de 2020 pola covid-19, a organización apostou este ano por volver á presencialidade. "A crise de saúde da COVID-19 evidenciou a necesidade e urxencia de que toda a comunidade científica, a industria, os gobernos e a sociedade cooperen para resolver problemas, particularmente cando afectan a toda a humanidade", explicou a organización.

O coronavirus será un dos temas que aborden os relatores durante estas xornadas, onde tamén se falará de cambio climático, Cosmos, Saúde, Crise Climática e Cultura Científica --centrado este último bloque na comunicación da ciencia--.

Entre os relatores convidados intervirán a directora xeral da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), Fabiola Gianotti, ou o matemático, monologuista científico e presentador de 'Órbita Laika' de A2, Eduardo Sáenz de Cabezón.

ACTO DE INAUGURACIÓN

Así as cousas, na inauguración que tivo lugar esta mañá no Edificio Fontán do Gaiás, participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; e a presidenta do SOMMA, María Blasco.

"Aquí está reunida unha parte significativa da elite da investigación universitaria española, que pon en valor unha circunstancia da que non somos do todo conscientes: a transcendencia no presente e no futuro da investigación universitaria", indicou Rodríguez, que os cualificou de "espello" no que mirarse.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; e a presidenta do SOMMa, María Blasco, participan na inauguración do encontro anual 100xCiencia.5: International dimension of science. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; e a presidenta do SOMMa, María Blasco, participan na inauguración do encontro anual 100xCiencia.5: International dimension of science. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press


O reitor da USC, pola súa banda, destacou a importancia de "visibilizar" a investigación, de comunicala. "Os recursos son limitados pero as necesidades son infinitas, polo que se queremos competir, a nosa baza é gañarnos á sociedade", apuntou López sobre os procesos para conseguir difusión e así, financiamento.

Nesta liña, o responsable da universidade compostelá criticou o método actual para conseguir crédito, as subvencións, "que xera dificultades". "A propia xestión das subvencións fai que se perda moita flexibilidade e se multipliquen os custos. É moi difícil de estructuralizar, xa que nos limitamos a contratos de obra e servizo mentres dure a subvención. Non podemos articular unha carreira investigadora só en base ás subvencións", explicou o reitor.

López concedeu que é importante que as novas normas inclúan "apostas claras pola investigación", pero solicitou "propostas máis concretas, máis prácticas". Neste sentido destacou o novo plan de financiamento do sistema universitario para 2022-2026, "cunha liña de actuación que trata de abrir novas vías de financiamento que non sexan estritamente subvencións".

A última en intervir foi a presidenta do SOMMA, que recalcou o valor da investigación nos centros de excelencia, "importantes para a cohesión territorial científica" e que "nacen como unha alianza para ter voz na sociedade". Que estean repartidos por rexións, remarcou, "cataliza mellor" a comunicación entre comunidade científica e poderes políticos.

Respecto dos temas do congreso en si mesmo, Blasco lembrou que "a única solución desta pandemia pasou pola ciencia, o único mecanismo para enfrontarse a futuras crises pandémicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta