O Tribunal Superior sentencia que un policía que presta servizo de paisano ten dereito a unha axuda por vestiario

Estima un recurso dun axente da Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2021 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu este martes unha sentenza na que confirma que a Policía Nacional debe abonar a un axente unha axuda polos gastos en roupa de paisano coa que exerceu os seus labores entre os anos 2016 e 2020.

Coche patrulla da Policía Nacional
Coche patrulla da Policía Nacional | Fonte: Europa Press.

Trátase dun fallo emitido pola Sección 001 da Sala do Contencioso-Administrativo que estima un recurso dun traballador, concretamente da Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Santiago, contra unha resolución na que a Dirección Xeral da Policía lle denegaba a percepción destas contías.

Na sentenza, os maxistrados citan fallos anteriores do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña para confirmar que esta decisión vulnera o principio de igualdade, polo que o axente ten dereito a percibir esta compensación durante catro anos, do 3 de xaneiro do 2016 ao mesmo día do 2020, xa que a posibilidade de reclamar o abonado en anos anteriores --exerceu no corpo desde 2011-- xa prescribiu.

Tras coñecer este fallo, o Sindicato Unificado de Policía (SUP), cuxos servizos xurídicos asistiron ao axente demandante, emitiu un comunicado no que celebra a resolución xudicial porque o feito de exercer exclusivamente de paisano provoca que o funcionario teña que comprar "case un terzo máis de vestimenta" que o resto de axentes.

A sentenza do TSXG, que aínda non é firme, non fixa a contía a percibir polos policías afectados, pero o SUP avanza que os seus servizos xurídicos estudan "se, tras a firmeza, utilizará a extensión desta sentenza para os policías nacionais destinados nas Brigadas ou Grupos de Investigación das comisarías de Galicia ou se iniciará un procedemento ordinario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta