Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2021 | Actualizada ás 13:58
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este xoves as obras de demolición da antiga estación de autobuses de Santiago, onde está previsto que se constrúa o novo complexo administrativo de San Caetano, e que a Xunta prevé estean terminadas para a segunda quincena de xaneiro de 2022.
Segundo explicou a propia responsable autonómica, as actuacións contemplan a demolición de 13.000 metros cadrados de superficie construída, "todas as edificacións menos o Parque de Bombeiros, que queda para unha fase posterior". Xa se completou un 50% das actuacións, que comezaron en setembro e que finalizarán, previsiblemente, durante a segunda quincena de xaneiro. Tal e como apuntou Vázquez, xa se xestionaron máis de 120 toneladas de residuos da demolición, cuxo seguinte paso será a derriba do edificio de viaxeiros.
Estas obras, na que a Xunta investiu máis de 1,4 millóns de euros, "contribúen a facer cidade" e "evitan que unha edificación en desuso xere problemas". Ademais, a titular de Infraestruturas afirmou que traballan "paralelamente" na nova cidade de San Caetano, un novo complexo administrativo que se situará no solar que ocupaba a estación de autobuses.
A previsión, sinalou Vázquez, é licitar as primeiras obras durante o mes de marzo de 2022; actuacións que inclúen dous módulos de 10.000 metros cadrados que poderán albergar a 650 traballadores. Para estas obras, o investimento estipulado nos orzamentos de 2022 é de 7,7 millóns de euros.
INUNDACIÓNS NA PASARELA DA INTERMODAL
Preguntada polos problemas de acumulación de auga na pasarela da estación intermodal debido ás choivas dos últimos días, Ethel Vázquez, derivou o tema "á opinión do arquitecto responsable, e non a dunha humilde conselleira", pero sinalou que "vistos os acontecementos e para as seguintes fases, deberían reflexionar sobre se o material e o deseño é o adecuado". En canto ao cofinanciamento dunha posible mellora, a responsable autonómica asegurou que "para todo o que sexa mellorar, aquí estamos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.