A Mesa denuncia que o Estado español está "enfermo de desigualdade" no tocante ás linguas

Veñen de participar nunha fronte de asociacións que velará por unha Lei do Audiovisual máis inclusiva.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2021 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

Continúa a loita pola promoción das linguas cooficiais do Estado Español. A Mesa Pola Normalización participou este mércores en Madrid na presentación dun fronte común pola defensa dos dereitos das linguas oficiais na Lei do Audiovisual do Estado. Acompañou así a plataformas como Kontseilua, Òmnium Cultural, Acció Cultural del País Valencià, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana e Plataforma per la Llengua, coas que mantivo encontros ante representantes do BNG, EH Bildu, Compromís, CUP, ECP, ERC, Junts, PDeCAT, PNB e Més per Mallorca.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en imaxe de arquivo.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en imaxe de arquivo. | Fonte: A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O obxectivo da cita, explican dende a asociación, pasa por facer chegar ás formacións políticas apuntadas cales son as reivindicacións lingüísticas e os acordos "mínimos" que, a ollos das plataformas, debe incluír a nova lei audiovisual, orixinada na Directiva Europea 2018/1808, que se está tramitando no Congreso e que, aseguran, "dictará o futuro da industria audiovisual nas linguas oficiais do Estado español".

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou nun acto ao carón de Jordi Cuixart que o Estado Español está "enfermo de desigualdade e de falta de equidade entre as súas linguas oficiais", pero advertiu que "existe unha cura eficaz e facilmente aplicábel". Maceira recordou que, segundo datos oficiais, o galego está excluído do 92% da escolas infantís dos núcleos de máis de 50 mil habitantes, o 24% dos menores de 15 anos declaran non sentirse capaces de se comunicaren na nosa lingua e os servizos lingüísticos do TSXG só foron empregados para 145 de 331 mil documentos. "Son estes datos propios dunha lingua oficial de verdade?", pregúntase o presidente da Mesa, "hai realmente liberdade para vivir en galego?".

Neste sentido, Maceira apuntou ao audiovisual como "exemplo de exclusión", ao contar 26 títulos dos case 26000 dispoñíbeis neste momento nas plataformas dixitais. "Todos eles son producións galegas, non hai ningún dobrado nin lexendado", engaden dende a asociación antes de destacar que "practicamente todo está dobrado ao español". O presidente da Mesa recordou, tamén, que a programación infantil na lingua é do "4,6% de luns a venres e do 2,7% na fin de semana e que TVE só emite en galego 39 minutos de 120h/día".

"A quen pode molestar que queiramos acceder a contidos audiovisuais en versión orixinal, dobrada ou lexendada a galego, éuscaro ou catalán?" pregúntase Maceira, "A quen pode molestar que a lei asegure que se poidan producir contidos audiovisuais nas nosas linguas en igualdade de condicións no acceso ao financiamento, ou que calquera filme ou serie estexa dobrado tamén ás nosas linguas?". "Parece que hai a quen si molesta e moito", lamenta, "como se mostra en que TVE continúe a emitir na súa App un filme tan premiado como O que arde, en versión orixinal en galego, só na dobrada ao español".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta