Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2021 | Actualizada ás 20:00
A plataforma Ecoloxistas en Acción segue adiante coa súa campaña de denuncia das macroexplotacións gandeiras, ás que atinxen danos sobre o medio ambiente e a saúde das persoas. En particular, a asociación verde den de poñer o foco sobre a comarca ourensá da Limia, onde, de acordo con datos públicos, hai 72 veces máis cabezas agrícolas que persoas.
En conxunto, dende Ecoloxistas cifran en 81.853 cabezas o gando disposto nesa comarca, que multiplicaría por 72 os números totais de poboación. Segundo destacan dende a mesma plataforma, a concentración de gando na Limia garda relación coa política de man aberta da Xunta de Galicia, que en 1998 concedeu a primeira autorización para unha destas explotacións e dende entón "non parou".
O problema está nos vertidos que estas explotacións fan a conta da súa enorme proporción de animais. Dende a asociación explican que, a nivel estatal, o sector agropecuario, e principalmente a agroindustria gandeira, son responsables "de máis do 50% dos vertidos totais de nitróxeno nas augas". A este sumaríanselle ao que se suman outras substancias contaminantes (fósforo, antibióticos, hormonas, etc), que, de acordo coas mesmas fontes "provocan o que se coñece como eutrofización, un crecemento excesivo de plantas e outros organismos, que producen grandes cantidades de materia orgánica".
"Este proceso é responsábel da existencia das coñecidas como 'zonas mortas' nos océanos, da degradación de ríos, lagos e zonas marítimas costeiras", explican a respecto dun problema que no caso galego se tería manifestado con profusión en encoros localizados, precisamente, na comarca da Limia. A asociación engade que “este tipo de explotacións supoñen unha ameaza para o medio rural e tamén para a saúde das persoas. Especialmente grave é a actitude da Xunta de Galicia, que non só non se implica na procura de solucións, senón que segue promovendo a instalación e ampliación destas granxas nunha comarca sobreexplotada e especialmente vulnerábel, como é a Limia”.
NEGATIVA DO CONGRESO
O pasado 15 de decembro, o congreso debateu unha iniciativa para prohibir a instalación de novas granxas destas características en zonas vulnerables ou sobreexplotadas. Porén, explica a asociación, esta non saíu adiante ao recibir os votos en contra de PSOE, PP, Vox e Ciudadanos. "Na iniciativa, ademais desta prohibición, demandábase a obriga por parte das administracións competentes de declarar como zonas vulnerables as que atopen masas de auga contaminadas por nitratos e de evitar novos procesos contaminantes por este motivo", explican.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.