Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/09/2025 | Actualizada ás 22:00
Arde un monte e todo semella morrer. O fume, o negro, a cinza... Pero baixo esa aparente desolación segue a latexar algo invisible: sementes agochadas, raíces medio queimadas que aínda resisten, microorganismos que non sentiron a calor por atoparse a gran profundidade... A recuperación dun ecosistema forestal tras un incendio non é cuestión de semanas, nin sequera de meses: ás veces fan falta décadas para que o monte volva ser o que era. E outras veces, directamente, nunca retorna ao estado anterior, converténdose noutra cousa. A investigadora Otilia Reyes Ferreira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), explícao a Galicia Confidencial con detalle: hai especies que rebrotan axiña, outras que tardan moito máis, e o resultado final depende da intensidade do lume, do tipo de solo, da pendente e, sobre todo, de que vexetación había no lugar antes do incendio.
"O problema máis grave ven cando o incendio permanece coma un braseiro durante moito tempo ardendo enriba do mesmo centímetro de solo, como aconteceu nos grandes incendios que tivemos este verán en Galicia", advirte. Nestes casos, os danos son moito máis graves, porque desaparece a capa fértil e destrúense tamén sementes e raíces. Pola contra, cando o lume pasa rápido, a erosión do terreo é menor e o solo actua como illante térmico: a uns centímetros de profundidade a temperatura xa non é tan alta, e moitos microorganismos ou sementes nin sequera notan o que está acontecendo sobre eles. Pero a pregunta recorrente é sempre a mesma: canto tempo tarda un monte en volver recuperarse se é que o fai nalgún momento?
Reyes resposta que "algo de recuperación xa se deixa sentir na primavera seguinte, porque a natureza leva millóns de anos convivindo cos incendios e co lume e hai especies que están adaptadas a el". Mais esa recuperación pode dar lugar a dous escenarios distintos: ás veces volve a ser o mesmo ecosistema que había antes, e outras veces instálase un novo, completamente diferente. Aquí xorde un perigo coñecido: o das especies invasoras. "As especies exóticas invasoras teñen unha gran capacidade de colonización, e se xa estaban na zona, aproveitan esa fertilidade efémera das cinzas para rebrotar", asegura. Mentres, "algunhas especies nativas tamén poden facelo, pero se as invasoras son máis rápidas, como adoita acontecer, gáñanlles a vantaxe", explica.
ENTRE AS ESPECIES NATIVAS COLONIZADORAS DESTACA O TOXO; ENTRE AS ÁRBORES, AS ESPECIES PIONEIRAS SON OS SALGUEIROS E OS BIDUEIROS
Entre as especies nativas colonizadoras destaca o toxo, que rebrota moi ben despois do lume e tamén se beneficia da fertilidade momentánea das cinzas. Algunhas familias, como a das leguminosas, teñen bancos de sementes no solo, listas para xerminar cando se dan as condicións axeitadas. "Moitas veces despois dun incendio vemos milleiros de plántulas de toxo que apenas se distinguen e, ao pouco tempo, tamén vemos acacias crecendo en masa, case coma se non houbese outra cousa arredor", relata a investigadora. Iso acontece porque durante anos se foron acumulando sementes viables no solo que estaban agardando o momento do lume para desecadear a súa xerminación. Iso si, adoita darse un fenómeno: as acacias, todas elas de crecemento rápido, rematan superando en altura aos toxos e, ao facerlles sombra, debilítanos, apoderándose do ecosistema.
Nese punto, a recuperación de árbores autóctonas faise moito máis difícil. Algunhas especies pioneiras --como o salgueiro ou o bidueiro-- teñen a capacidade de colonizar terreos perturbados, formar solo e preparar o terreo para outras árbores que virán despois. Pero cada especie ten o seu tempo. O salgueiro, por exemplo, libera as súas sementes no mes de febreiro ou no de marzo, polo que se o incendio se desencadea ás portas do inverno, haberá que agardar ata a primavera seguinte a que xerminen esas sementes. O bidueiro, pola súa banda, dispersa sementes de agosto a decembro, o que lle permite actuar como colonizador mesmo despois dun lume tardío.
OS EUCALIPTOS SON MOI RESISTENTES AO LUME: PODEN XERMINAR EN SÓ 4 DÍAS E EN POUCAS SEMANAS XA MEDRAN PLÁNTULAS DE MÁIS DE 10 CENTÍMETROS
A diferenza entre montes con eucaliptos e montes con especies autóctonas como os piñeiros tamén é clara. "Os eucaliptos son moi resistentes ao lume: poden xerminar en só catro días, e en poucas semanas xa medran plántulas de máis de 10 centímetros; ademais, rebrotan de raíz, de tronco e mesmo de pólas", asegura Reyes, que apunta que "se o incendio non foi moi severo, na primavera seguinte os exemplares adultos xa poden volver ter follas". Os piñeiros, pola contra, non teñen esa capacidade de rebrote. Dependen unicamente das sementes, e moitas pérdense co lume. Só as pinas serótinas, que son aquelas que permanecen anos e anos na árbore e só se abren coa calor intensa, permiten liberar sementes despois do lume. Pero se esas pinas estaban nas copas das árbores, tamén puideron arder.
Todo este sistema de recuperación complícase aínda máis no caso de Galicia, onde moitas fincas teñen propietarios descoñecidos ou están abandonadas. "Sería bo ter unha certa vixilancia e xestión para evitar que proliferen especies que non nos interesan tanto, como as exóticas invasoras", comenta a científica, lembrando que as acacias están recoñecidas como especies exóticas invasoras e o seu cultivo está prohibido, aínda que iso non impida que colonicen zonas enteiras. Nese baleiro de responsabilidade que se dá nos montes galegos, hai plantas que ocupan espazos que logo son case imposibles de recuperar. A falta de man común na xestión provoca que cada incendio deixe cicatrices máis fondas no territorio. E é que as propiedades esquecidas convértense nun caldo de cultivo perfecto para o avance de pragas e especies oportunistas.
SE HAI MOITA PENDENTE E A CHOIVA CHEGA CON FORZA, ARRASTRA TODO O SOLO FÉRTIL E PROVOCA EROSIÓN; O ESCENARIO IDEAL É UN ORBALLO CONSTANTE
Outro factor crucial é a chuvia. A escorrentía tras as primeiras borrascas pode agravar os danos: se hai moita pendente e a choiva chega con forza, arrastra todo o solo fértil e provoca erosión. "O escenario ideal sería un orballo constante pero suave, que faga penetrar a auga no solo pouco a pouco e que vaia activando o rebrote e a xerminación sen danar o solo", explica Reyes. As choivas torrenciais, con moita enerxía cinética, pola contra, son moi daniñas, pois arrastran os nutrientes do solo envoltos en cinzas cara os ríos e as pozas, provocando problemas ambientais e mesmo chegando aos bancos marisqueiros, como xa aconteceu nalgunhas ocasións en Galicia despois de incendios severos. Así, un simple orballo pode ser a mellor axuda para a natureza, mentres que unha treboada forte pode borrar en minutos os pequenos avances logrados. Por desgraza, a investigadora lembra que "o clima está a mudar, e cada vez temos máis choivas torrenciais e menos intermedias".
Así mesmo, a investigadora tamén alerta sobre os efectos que poden ter nos ecosistemas as intervencións humanas tras o lume: a extracción de madeira con maquinaria pesada compacta o solo, arrastra árbores e destrúe a pouca vexetación que comezaba a agromar. Se ademais diso se fan surcos para volver plantar, a perturbación multiplícase: incendio forestal, saca de madeira e roturación. Agora ben, Reyes lembra que, afortunadamente, o lume non é un fenómeno novo, polo que "as plantas fóronse seleccionando naturalmente durante millóns de anos, mesmo antes da existencia do home, para poder sobrevivir a el e repoñerse". "O problema é que actualmente o réxime de incendios mudou: agora son máis severos e máis frecuentes, e pode que as especies xa non estean tan adaptadas a este novo escenario", sinala. A adaptación que antes se producía ao longo de milenios, agora ten que ser repentina, nunhas poucas décadas, e iso supón unha ameaza para os ecosistemas galegos.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Fieitos medrando despois dun dos incendios forestais que arrasou Galicia neste verán de 2025 | Fonte: GC¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Xerminando de entre as cinzas: sinais de vida nas paisaxes arrasadas polos incendios deste verán
- A viaxe dun eucalipto dende o monte ata a pasteira: quen gaña realmente con este negocio?
- Eucaliptización das Fragas do Mandeo: "Non se está respectando a moratoria en hábitats máis escaso que o bosque tropical"
- A Xunta licita a compra dun novo analizador para o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia
- A Xunta e o Concello de Frades asinan un convenio para recuperar o azud do río Tambre
- Algo está a mudar nas 'interaccións' das candorcas cos barcos: "Preocúpanos que a matriarca tamén participe"