A viaxe dun eucalipto dende o monte ata a pasteira: quen gaña realmente con este negocio?

Galicia fornece a materia prima barata, pero o negocio industrial, o emprego de calidade e o valor engadido marchan fóra. O propietario queda cunhas migallas e cos problemas ambientais dun monocultivo que apenas lle compensa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 29/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha árbore que nace en Galicia pode tardar máis dunha década en medrar, pero en apenas unhas semanas percorre un complexo circuíto de propietarios, intermediarios e empresas ata acabar convertido en pasta de papel. Poucas veces nos detemos a pensar nese camiño, pero, no caso do eucalipto, estamos a falar dun procedemento que pode durar máis dunha década. Este é o camiño do eucalipto e as mans que o controlan, dentro dun ecosistema onde Galicia se converte nun simple fornecedor barato de materia prima: quen intervén en cada etapa, que transformacións técnicas se producen e como a materia prima galega acaba convertida nun produto global. Dende o pequeno propietario que decide plantar investindo cartos, tempo e risco, ata a maquinaria industrial que descortiza, acha, coce e branquea a fibra, o eucalipto é protagonista dunha viaxe complexa que explica boa parte da actual economía forestal galega, na que o dono da terra apenas recibe unhas decenas de euros por tonelada, mentres a industria multiplica por vinte ou trinta ese valor.

Eucaliptos
Eucaliptos | Fonte: Xunta de Galicia - Arquivo

1. A PLANTACIÓN: DO VIVEIRO AO MONTE

O ciclo comeza nos viveiros forestais, onde se producen as plantas de eucalipto, seleccionando variedades como o 'glóbulus' ou o 'nitens'. Un plantón de eucalipto pode custar entre 0,25 e 0,40 euros a unidade en variedades estándar. Se se opta por material xeneticamente mellorado --clons resistentes ao frío ou híbridos con máis rendemento en fibra--, o prezo pode subir a entre 0,50 e 0,80 euros por planta. Unha hectárea precisa entre 1.100 e 1.400 plantas, o que supón un investimento inicial de 330 a 420 euros por hectárea en planta convencional e ata 770-980 euros se se elixen variedades clonadas de alta calidade. A este gasto habería que sumar a preparación do terreo, a plantación e os coidados iniciais, que elevan aínda máis a factura que asume o propietario. E é que estes plantóns son vendidos xeralmente a propietarios forestais, comunidades de montes veciñais ou empresas forestais. En Galicia, a maioría das plantacións pertencen a pequenos propietarios privados, con parcelas fragmentadas (minifundio).

2. A PROPIEDADE E A XESTIÓN: O MINIFUNDIO COMO NORMA

Tras plantarse, o eucalipto tarda entre 12 e 15 anos en alcanzar un diámetro comercial, situado arredor dos 15-20 centímetros. Ese é o tamaño mínimo que esixen as pasteiras para transformalo en pasta de papel. E, aínda que deixalo medrar máis anos aumentaría o volume, a maioría dos propietarios prefiren c ortar en canto chega a ese umbral, para evitar riscos e recuperar o investimento inicial canto antes. Durante esta década na que o eucalipto está medrando, realízanse clareos, podas ou tratamentos contra pragas, aínda que moitos montes quedan sen apenas xestión. A árbore medra nun mosaico de minifundio. A maioría das fincas teñen menos dunha hectárea. Estímase que máis do 66 % dos propietarios forestais posúen menos de 5 hectáreas, xeralmente repartidas entre 2 e 10 parcelas. Moitos propietarios non xestionan directamente a corta, senón que agardan a que apareza un comprador. Nalgúns casos, son as comunidades de montes as que organizan talas colectivas. Tamén operan sociedades forestais e cooperativas que agrupan parcelas para gañar volume e negociar mellores prezos.

Castro de Veiga inzado de eucaliptos
Castro de Veiga inzado de eucaliptos | Fonte: Mariña Patrimonio - Arquivo

3. A CORTA: EMPRESAS DE SERVIZOS FORESTAIS

Cando o eucalipto alcanza o tamaño axeitado, véndese 'en pé'. Entra en xogo entón a empresa de servizos forestais. Esta avalía o lote e pacta un prezo co propietario (arredor de 40 euros por tonelada de 'glóbulus' ou 30 euros por tonelada de 'nitens' en 2024-25), que varía segundo o diámetro, a calidade ou a accesibilidade do monte. Logo encárgase da corta con maquinaria especializada (colleitadoras, autocargadores...). E contrata a cuadrillas forestais para os traballos máis manuais. O propietario cobra, pero desa cifra hai que descontar custos de corta e extracción (5-10 euros por tonelada), transporte ata a fábrica (outros 5-10 euros por tonelada), impostos e retencións fiscais (IRPF), certificacións e, ás veces, débedas acumuladas do monte. Polo tanto, a cifra bruta que se paga por tonelada pouco ten que ver co que finalmente percibe o propietario: o beneficio real que lle queda en man adoita ser de apenas 22-24 euros por tonelada para o 'glóbulus' e de 17-20 euros por tonelada para o 'nitens'.

4. O TRANSPORTE: OS CAMIÓNS DA MADEIRA

A madeira cortada apílase en cargadoiros ou pistas forestais. Despois chega a quenda dos transportistas: empresas de camións especializadas cargan a madeira rumbo ás pasteiras. Aquí móvese boa parte do negocio loxístico do eucalipto: centos de camións diarios circulan polas estradas galegas cara Ence (Galicia e Asturias) ou cara as fábricas portuguesas (Navigator e Altri). O transporte é un dos factores que máis encarece o prezo final: canto máis lonxe estea a pasteira, menos cobra o propietario. Se asumimos, por exemplo, que o transporte dende un monte galego ata unha pasteira percorre de 50 a 100 quilómetros, un camión especializado pode implicar un custo de entre 5 e 13 euros por tonelada, dependendo da carga, tipo de estrada e accesos. Tomando como referencia o prezo bruto de 40 euros por tonelada de 'glóbulus', ese gasto de transporte restaría entre o 12,5 % e o 32,5 % do valor bruto.

5. OS INTERMEDIARIOS: O NEGOCIO NA SOMBRA

Entre o monte e a fábrica existen múltiples intermediarios: compradores locais que negocian lotes cos veciños e os revenden a maior escala, son persoas ou empresas que traballan a nivel parroquial ou comarcal e que se adican a ir porta por porta falando con veciños e ofrecendo cartos en man por un lote de eucaliptos en pé, quedándose cunha marxe polo labor de 'captación' da madeira; madeiristas que mercan directamente e actúan coma ponte coas grandes empresas, contan con maquinaria propia ou subcontratada e compran lotes enteiros aos propietarios ou aos compradores locais, consistindo o seu negocio en mercarlle barato ao pequeno propietario e venderlle caro á pasteira, engandindo a súa marxe de beneficio; ou contratistas que adiantan os cartos ao propietario e logo recupéranos cando venden a madeira á pasteira, sendo moitas veces empresarios locais con maquinaria de corta e saca que traballan por encargo e teñen a súa marxe principal de beneficio no servizo (corte + transporte inicial), pero tamén poden negociar cos dous extremos da cadea. Cada man que toca o eucalipto quédase cunha marxe. Ao final, o propietario inicial ve como o seu beneficio é moito menor que o prezo que paga a fábrica.

6. A FÁBRICA: DE TRONCO A PASTA

Cando a madeira chega á pasteira, comeza o procedemento industrial:

  • Recepción e descortizado: os camións chegan coas toradas de eucalipto, que se pasan por descortizadoras --grandes tambores xiratorios que separan a cortiza da madeira-- e esa cortiza pode queimarse como biomasa para xerar enerxía na propia planta.
  • Achado ou chipado: o tronco descortizado introdúcese en picadoras industriais que o converten en pequenas lascas (chips) de poucos centímetros. Estas lascas son a materia prima para o proceso químico. É importante que teñan un tamaño regular para cociñar ben e obter unha fibra homoxénea.
  • Cocción química (procedemento 'kraft' ou sulfato): as lascas mestúranse cunha disolución de sosa caústica e sulfuro de socio (licor branco). Introdúcense en enormes torres chamadas dixestores, a altas temperaturas e presións. O obxectivo e separar a celulosa da lignina, que é o 'pegamento natural' da madeira. O resultado é unha polpa marrón e un líquido residual (licor negro).
  • Recuperación enerxética: o licor negro, cargado de lignina, quéimase en caldeiras especiais, xerando vapor e enerxía eléctrica. Isto permite que as pasteiras sexan enerxeticamente case autosuficientes e mesmo venden excedente á rede.
  • Lavado e branqueo: a celulosa obtida aínda é marrón. Pásase por procesos de lavado e branqueo que eliminan restos de lignina. Tradicionalmente usábase cloro, pero hoxe empréganse procedementos máis limpos: peróxido de hidróxeno, ozono, dióxido de cloro... O obxectivo é acadar unha polpa branca e pura, lista para papel de impresión, tisú, etc.
  • Secado e prensado: a pasta, que é coma unha polpa húmida, pásase por máquinas de secado con vapor. Despois, comprímese en grandes follas ou fardos sólidos. Cada bala pesa arredor de 250-300 quilos e agrúpanse en palés para a exportación.
  • Embalaxe e expedición: finalmente, a pasta empácase en bobinas ou balas prensadas. Saen en camións ou barcos cara mercados internacionais. O destino pode ser unha fábrica de papel en Europa, Asia ou América. As principais compradoras de pasta galega son as grandes pasteiras: Ence en Pontevedra e Navia (Asturias), Navigator en Aveiro e Setúbal (Portugal) ou Altri en Celbi (Portugal).

7. O VALOR ENGADIDO: DE GALICIA AO MUNDO

A viaxe do eucalipto remata en mercados globais: en forma de pasta de papel, exportada a Europa e Asia; e tamén transformada en papel de impresión, cartón ou tisú (papel hixiénico, servilletas, embalaxes...). Pero o valor engadido non queda en Galicia: o propietario galego recibe netos uns 20 euros por tonelada de eucalipto, pero esa mesma tonelada transfórmase en celulosa que se vende nos mercados internacionais a un prezo de entre 900 e 1.000 euros. É dicir, Galicia queda co 2-3 % do valor final. O resto concéntrase nas pasteiras, que multiplican por vinte ou trinta o valor da materia prima, e logo nas fábricas de papel que chegan a dobrar de novo esa marxe. O país fornece madeira, pero o negocio industrial e o valor engadido fican fóra.

CONCLUSIÓN: UNHA VIAXE DESIGUAL

Ao final do seu percorrido, o eucalipto galego deixa unha sensación amarga: quen pon a terra, quen paga o plantón e quen agarda máis dunha década asumindo riscos de incendios, pragas ou restricións, recibe apenas 20 euros netos por tonelada. Mentres tanto, as pasteiras transforman esa mesma madeira en celulosa que se vende por arredor de 1.000 euros por tonelada, e as fábricas de papel multiplican de novo ese valor. O resultado é un engaño perfecto: Galicia fornece a materia prima barata, pero o negocio industrial, o emprego de calidade e o valor engadido marchan fóra. O propietario queda cunhas migallas e cos problemas ambientais dun monocultivo que apenas lle compensa. A gran pregunta é se Galicia seguirá asumindo ese papel de despensa forestal por moito máis tempo.

Vista aérea dunha plantación de eucaliptos
Vista aérea dunha plantación de eucaliptos | Fonte: Commons - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta