O persoal de conserveiras convoca tres xorndas de folga para defender o convenio colectivo estatal

Por outra banda, no relativo á xornada, a patronal "desiste" da súa intención de ampliar a xornada de luns a domingo e tamén retira a proposta de que ata un 75% do persoal puidese traballar os sábados ata as 14,00 horas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2021 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

CIG, CCOO e UGT acordaron convocar tres xornadas de folga en defensa do convenio colectivo estatal no sector das conservas de peixe para os próximos días 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro, dado que "a última proposta da patronal non garante o poder adquisitivo dos cadros de persoal e non termina coa brecha salarial entre mulleres e homes".

Segundo explicou a FGAMT-CIG do Salnés, a decisión foi adoptada tras comprobar que as achegas da empresa na última reunión celebrada este pasado luns 27 "non recollen as principais reivindicacións dos traballadores do sector", motivo polo que convocan un parón de 24 horas durante tres días.

Sinalan que na mencionada reunión, a patronal propuxo un incremento salarial do 2,30% para 2021, do 3% para 2022, do 2% para 2023 e do 0,50% para 2024, "subida que a CIG considera insuficiente, xa que non se garante o poder adquisitivo ao non contemplar unha revisión conforme ao IPC nin o cobro de atrasos".

No que respecta á equiparación salarial dos grupos 5 e 6, pasouse de non contemplar ningunha subida adicional para a categoría de auxiliar a unha nova proposta de incremento adicional dun 0,2%. "Continúa sendo insuficiente porque non termina coa brecha salarial entre as categorías ocupadas maioritariamente por mulleres (produción) e as dos homes (oficios varios)".

Por outra banda, no relativo á xornada, a patronal "desiste" da súa intención de ampliar a xornada de luns a domingo e tamén retira a proposta de que ata un 75% do persoal puidese traballar os sábados ata as 14,00 horas. Aceptou ademais a proposta sindical de eliminar que a non utilización dos EPI sexa considerada falta moi grave.

Por último, tras a proposta da CIG de que o persoal teña unha licenza para acompañamento ao médico de fillos e persoas maiores ao seu cargo, a patronal, indican, accedeu a que as 16 horas médicas actuais se poidan usar para este fin; algo respecto do que a central sindical insiste en ampliar, así como que as licenzas comecen a computarse ao día seguinte laborable do feito causante.

Concentración das traballadoras de Conservas Cuca
Concentración das traballadoras de Conservas Cuca | Fonte: pruebaatv.blogspot.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta