A Xunta ofrece formación sobre comercio electrónico a máis de 400 pemes e autónomos

O programa iniciouse en setembro do ano pasado e durará ata abril.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2022 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia facilitou a formación a máis de 400 empresas inscritas no curso FÓRMAT-e, integrado nun programa do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que ensina ás pemes e autónomos a abordar un proceso de internacionalización dixital no escenario poscovid.

Con esta iniciativa, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, pretende ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que cambiou os hábitos de consumo a nivel mundial. Neste marco, o curso percorre as bases do comercio electrónico como canle para o acceso a novos mercados.

O programa formativo iniciouse en setembro do ano pasado e durará ata o próximo mes de abril. Cada semana leva a cabo unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que despois pasa a estar dispoñible na plataforma virtual do curso para a súa consulta. Así mesmo, os beneficiarios reciben unha ficha didáctica cun resumo dos contidos que se tratan no webinar correspondente e, unha vez ao mes, envíaselles un boletín cunha selección de noticias de actualidade relevantes sobre a materia.

A internacionalización no novo contexto actual, o plan estratéxico dixital, a intelixencia competitiva, a contorna legal, a mercadotecnia dixital, a comunicación e a publicidade son as temáticas abordadas ata o momento nun curso que, segundo unha enquisa realizada entre os rexistrados, conta cun alto grao de satisfacción "pola calidade do profesorado e a utilidade das materias impartidas".

En próximas datas retomarase o curso FÓRMAT-e con novos webinar formativos. Así, o día 13 deste mesmo mes de xaneiro terá lugar unha clase sobre Interpretación eficaz da tecnoloxía para a venda en liña, na que se estudará a parte tecnolóxica necesaria para pór en marcha un comercio dixital.

Ademais, unha semana despois, o día 20 de xaneiro, profundarase nas ferramentas para a venche en liña e os medios de pago. Está previsto que se celebren 13 sesións ata o próximo mes de abril, nas que se analizarán, entre outras cuestións, os diferentes modelos de distribución de e-commerce, como os marketplaces, as operacións no negocio en liña, e os mercados dixitais, entre outros.

As empresas interesadas en adaptar a súa estratexia comercial internacional aínda poden inscribirse ao curso gratuitamente a través da dirección web: https://cursoformate.igape.es/.

O comercio electrónico é cada vez más importante para as empresas.
O comercio electrónico é cada vez más importante para as empresas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta